Catalunya celebra unha Diada coa amnistía e o referendo no albo

As autoridades catalás chaman a participar da manifestación e os actos convocados este 11 de setembro nun contexto no que a potencial investidura de Pedro Sánchez e as exixencias do independentismo pairan sobre o ambiente.
As principais autoridades catalás, esta segunda feira, na ofrenda ao monumento de Rafael Casanova, en Barcelona. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera As principais autoridades catalás, esta segunda feira, na ofrenda ao monumento de Rafael Casanova, en Barcelona. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

Institucións, partidos e entidades renden homenaxe na mañá desta segunda feira, inaugurando así os actos oficiais da Diada, a quen foi conselleiro xefe de Barcelona durante a guerra de Sucesión, Rafael Casanova. E fano xusto no punto onde caeu ferido o 11 de setembro de 1714, no actual cruzamento entre a rúa de Ali Bei e a rolda de Sant Pere. Os máis madrugadores en depositar cadansúa coroa de flores foron Mossos, Bombeiros, Axentes Rurais e representantes da Garda Urbana de Barcelona.

E no evento, ao que asistiron varios membros do Govern que encabeza Pere Aragonés e da mesa do Parlament, do Concello de Barcelona e entidades e diferentes partidos políticos —agás CUP, Ciudadanos, Vox e PP—, a conselleira da Presidencia da Generalitat, Laura Vilagrà, advertiu que a amnistía é "o punto de partida e non o punto final" nas negociacións para a investidura do candidato socialista á Presidencia do Goberno español, Pedro Sánchez, e pediu acordar un referendo de independencia como seguinte paso.

"Hai que aproveitar este momento", dixo, en declaracións aos medios. Vilagrà animou a encher as rúas nesta Diada para mostrar a "forza" do independentismo, nunha xornada da que se ausentará o líder de ERC, Oriol Junqueras, por "responsabilidade social" após dar positivo en Covid-19. Junqueras tamén chamou á participación cidadá e defendeu "a amnistía, a autodeterminación e a independencia". "Reivindicamos a liberdade e os dereitos democráticos e nacionais do noso país", engadiu, ao tempo que reivindicou o "orgullo" do seu partido como "herdeiro dos que proclamaron a República en 1931 e defendérona en 1936, e dun pobo que quere facer sentir a súa voz ao mundo como nación soberana".

Representantes de ERC, co president Pere Aragonés no centro, na ofrenda a Rafael Casanova. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
Representantes de ERC, co president Pere Aragonés no centro, na ofrenda a Rafael Casanova. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

Tamén desde Esquerra, que levou tanto aplausos como asubíos, a súa portavoz, Marta Vilalta, chamou o resto de forzas independentistas a "traballar coa máxima complicidade, consenso e coordinación" para negociar a investidura de Sánchez, e reivindicou o "diálogo" para conseguir "a amnistía, a autodeterminación e melloras no día a día dos cataláns", como o traspaso de Rodalies. Todo iso nunha xornada "marcada pola anormalidade, porque a situación de represión intensa segue", se ben está é tamén unha Diada "de oportunidades".

Puigdemont: "Hoxe non só reivindicamos a liberdade e a independencia, senón tamén a nación"

Desde Bélxica, o ex president catalán Carles Puigdemont salientou que "Catalunya perdeu a súa liberdade coa caída de Barcelona en 1714" e que, se ben "os tempos e as formas cambiaron, o obxecto é o mesmo". "Por iso sempre haberá a vontade dos exércitos borbónicos contemporáneos, hoxe en forma de partidos constitucionalistas españois, de evitar que a nosa capital sexa dirixida por quen, con todos os matices e discrepancias que podemos ter, non dubidarían de que lado das murallas estarían o 11 de setembro de 1714".

"Pero non só perdemos a nosa liberdade. Comezamos a perder a nación porque comezou de forma salvaxe a persecución da nosa lingua e da nosa identidade, que hoxe aínda é recoñecíbel na lexislación española", precisou, e chamou a revindicar "non só a liberdade e a independencia, senón tamén a nación", como defenderon "os cataláns de 1714 que loitaron até o último día, aínda que non había esperanza de gañar a batalla".

Delegación de Junts coa presidenta do Parlament, Anna Erra; a ex presidenta, Laura Borrás, e o secretario xeral, Jordi Turull.
Delegación de Junts co candidato á Alcaldía de Barcelona, Xavier Trias; a presidenta do Parlament, Anna Erra; a ex presidenta, Laura Borrás, e o secretario xeral, Jordi Turull.

Para o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, calquera acordo político ao que chegue a súa formación no Congreso será para achegarse "a ser un Estado independente". Turull afirmou que non houbo "contactos formais" co Partido Popular —si cunha das forzas do actual Executivo, Sumar, logo de que Puigdemont recibise en Bruxelas a súa líder, Yolanda Díaz— e subliñou que non renunciará á vía unilateral, pois sería "tanto como renunciar á nación", dixo.

Pola súa parte, o líder do PSC, Salvador Illa, afirmou desde a ofrenda a Casanova que a Diada é "unha ocasión para reafirmar a vontade de ser e de convivir dos cataláns". Catalunya, proseguiu, "é plural" e ten "un futuro cheo de oportunidades". No acto acompañárono o alcalde de Barcelona, Jaume Collboni; a ministra de Transportes, Raquel Sánchez; a presidenta da Deputación de Barcelona, Lluïsa Moret; a alcaldesa de L'Hospitalet de Llobregat, Núria Marín; o ex president da Generalitat José Montilla, e a portavoz do PSC no Parlament, Alícia Romero.

Ofrenda floral do PSC, con Salvador Illa á cabeza.
Ofrenda floral do PSC, con Salvador Illa á cabeza.

E desde as filas do espazo dos Comuns, a súa líder no Parlament, Jéssica Albiach, considerou que esta Diada é un "punto de inflexión para un novo principio de Catalunya". Albiach, presente tamén na homenaxe a Rafael Casanova e acompañadada deputada de Sumar e dirixente de En Comú Podem, Aina Vidal; a líder de Podem Catalunya, Conchi Abellán, e a coordinadora nacional dos comuns, Candela López, celebrou que o seu partido estea a impulsar o debate sobre a amnistía, que ve "necesaria" para "culminar o proceso de desxudicialización" do conflito catalán.

Jéssica Albiach protagonizou a ofrenda dos Comuns. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
Jéssica Albiach protagonizou a ofrenda dos Comuns. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

 

Especialmente crítica con ERC e o actual Govern foi a portavoz da CUP no Parlament, Eulàlia Reguant, quen, en declaracións aos medios desde o acto de homenaxe da súa formación ao militante independentista morto a mans da Policía española Gustau Muñoz, reclamou que as autoridades catalás impulsen as medidas a prol da independencia: "Xa abonda de mendigar no Congreso ou en Madrid. O importante non é o que pase alí, senón o que facemos e o que pasa aquí".

Acusou o president Aragonés de estar "pendente do que digan ou deixen de dicir en Madrid" e chamou á mobilización en Catalunya, non só na Diada, senón "cada día", e insistiu en que o país precisa políticas independentistas: "Basta de minguar os servizos públicos sen investir e sen apostar claramente por servizos públicos como a sanidade e a educación".

Declaracións de Eulàlia Reguant, da CUP, ante os medios.
Declaracións de Eulàlia Reguant, da CUP, ante os medios.

Comentarios