Estado español

Detida unha candidata de Vox nunha operación antidroga en Madrid

A 'número tres' da extrema dereita en Parla e actual concelleira da corporación municipal, Ana González Martínez, foi detida como presunta autora dos delitos de tráfico drogas, branqueo de capitais e defraudación de fluído eléctrico. Meses atrás protagonizara un vídeo con Rocío Monasterio no que denunciaba os "problemas de delincuencia e drogas" do seu municipio.
A detida, Ana González Martínez, con Rocío Monasterio. (Foto: Vox Parla)
photo_camera A detida, Ana González Martínez, con Rocío Monasterio. (Foto: Vox Parla)

Axentes da Policía Nacional desarticularon nas últimas horas unha trama criminal dedicada á venda e distribución a pequena e mediana escala de cocaína, nunha operación que acabou con catro persoas detidas como presuntas autoras dos delitos de tráfico drogas, branqueo de capitais e defraudación de fluído eléctrico.

Unha das detidas é a 'número tres' da candidatura de Vox en Parla (Madrid) ás eleccións municipais do 28 de maio e actual concelleira do grupo municipal da formación de extrema dereita, Ana González Martínez. Nos rexistros realizados interviñéronse armas brancas e de fogo, alén de sistemas de videovixilancia e transmisións que utilizaban para eludir a acción policial.

Tamén se incautaron cocaína, marihuana, diñeiro en efectivo, teléfonos móbiles e diversos útiles para a elaboración e venda das devanditas substancias, segundo informou o corpo policial a través dun comunicado. As pescudas iniciáronse en decembro do pasado ano, cando os axentes detectaron unha parella que se dedicaba ao tráfico de substancias estupefacientes en Yeles (Toledo).

As primeiras indagacións permitiron pescudar que realizaban parte da súa vida social na localidade madrileña de Parla, onde tamén distribuían a droga. Aliás, esta parella contaba con varias sociedades que lles permitían aparentar normalidade, ocultando a súa actividade ilícita.

Consistía na adquisición de substancias estupefacientes, en concreto cocaína, a cal facilitaban a outros narcotraficantes que se encargaban de distribuíla en pequenos puntos de Madrid e Toledo. Os axentes detectaron que distribuían as substancias estupefacientes a calquera hora do día e todos os días da semana a diferentes puntos da capital, así como a outras localidades da zona.

Varios meses atrás, cando aínda non transcendera a súa pertenza a unha organización criminal vinculada co tráfico de drogas, González protagonizara un vídeo canda a líder da ultradereita madrileña, Rocío Monasterio, no que denunciaba, precisamente, os "problemas de delincuencia e de venda de drogas" que, aseguraba, padecía o municipio.

A propia Monasterio, preguntada polos medios unha vez coñecida a noticia, apelou á "presunción de inocencia" e afirmou que na dirección de Vox aínda lles "faltan detalles" sobre os feitos que se lle imputan a esta concelleira. "Decatámonos por vostedes, pola prensa, entón o primeiro presunción de inocencia. Se se confirma todo o que din, eu espero que ela entregue a acta e a dimisión inmediata, a verdade", defendeu.

Comentarios