A detención de Imran Khan deriva en protestas por todo Paquistán

Imran Khan, ex líder paquistaní, á dereita. (Foto: Kremlin / DPA)

Analistas apuntan cara aos militares como responsábeis do arresto, que deixa o país nunha situación de grande incerteza.

As forzas de seguridade paquistanís reprimiron con dureza as protestas dos partidarios do ex primeiro ministro Imran Khan, que saíron á rúa nas principais cidades do país após facerse pública a terza feira a súa detención cando se atopaba no Tribunal Superior de Islamabad para pedir liberdade baixo fianza nun centenar de procesos xudiciais abertos na súa contra por presunta corrupción, e que el considera unha persecución política tras ser apartado do poder polo lexislativo en 2022, no que cualificara de golpe de Estado impulsado polos Estados Unidos polo seu achegamento a Rusia e a China.

Cando menos 53 persoas foron arrestadas, sinalou a Policía de Paquistán, no medio dunha apagada informativa pola suspensión da conexión a Internet desde os móbiles e do acceso ás redes sociais, e dunha tensión que levou os colexios privados a suspender hoxe as aulas en todos os centros do país.

Gohar Ali, do equipo legal de Khan, denunciou que o ex mandatario foi golpeado durante o arresto, mentres Fawad Chaudhry, líder do Movemento pola Xustiza, a forza de Khan, criticou o “secuestro”, e o seu voceiro, Raoof Hasan, dixo que os Rangers que o arrestaron "están controlados por outras forzas que se consideran por riba da lei neste país".

Os Rangers son un grupo paramilitar que en teoría está controlado polo Ministerio de Interior de Paquistán.

Responsabilidade do Exército

Malia que o actual primeiro ministro, Shehbaz Sharif, avalou a detención de Khan por presunta corrupción, que despois foi validada polo Tribunal Superior de Islamabad, o observador político Muhammad Faisal e o analista político Benazir Shah coinciden en que detrás do arresto está o Exército, tras acusar Khan a comezos de semana a cargos militares de ser responsábeis do intento de asasinalo en novembro, no que resultou ferido.

O arresto, sumado ás protestas dos últimos meses encabezadas por Khan para reclamar eleccións anticipadas, ao enfrontamento entre o Executivo e a Corte Suprema, e a unha difícil situación económica por mor das inundacións do pasado ano, provocou “unha situación moi virulenta, pouco clara e moi incerta” que fai “difícil prever onde pode ir este país nas próximas 12 a 48 horas”, explicou Zeeshan Salahuddin, director do centro Tabadlab para a conectividade rexional e global.

Salahuddin fixo fincapé en que desde que Khan perdeu o poder “ficou moi claro que a elite política gobernante e as elites do país non querían que Khan regresase” ao Goberno, e “farán todo o posíbel para garantilo”.