Desunión nun unionismo minguante no centenario da partición de Irlanda

O nacemento de Irlanda do Norte hai cen anos foi conmemorado onte de maneira discreta no Reino Unido, un feito histórico que chega nun momento crítico para os probritánicos. "Nada que celebrar", di o nacionalismo irlandés; ou, en todo caso, celebrar que semella máis perto o referendo de reunificación que arelan para a illa.
EuropaPress_3683604_03_may_2021_united_kingdom_belfast_noel_clarke_flute_band_performs_on
photo_camera Acto polo centenario organizado por unha sociedade lealista, onte na cidade norteirlandesa de Lisburn (Foto: Liam Mcburney / PA Wire)

Dous de cada tres habitantes da República de Irlanda estarían a favor da reunificación da illa nun único Estado. Así o recolle unha enquisa publicada polo Irish Independent (conservador) con motivo do centenario, onte, do nacemento de Irlanda do Norte. É dicir, da partición do país en dous.

"Miña nai nunca perdoou o novo Goberno", di nunha entrevista en The Irish Times (social liberal) Mairead Liddy, unha muller nacida en 1921, ao respecto de como a división ─tras a Guerra de Independencia irlandesa do Reino Unido─ causou unha fonda ferida na súa familia. Porén, tras un século que viviu poucos anos sen derramamento de sangue, a posibilidade da reunificación é máis factíbel que nunca. Cando menos, a convocatoria dun referendo para que o pobo decida. 

O Acordo de Venres Santo de 1998, que puxo fin a décadas de conflito armado en Irlanda do Norte, estabelece que o Goberno do Reino Unido pode convocar unha consulta se considera que hai unha maioría da poboación desta rexión baixo soberanía británica que desexa unirse á República de Irlanda.

Por agora, Londres cre que non se dan estas circunstancias, mais nas enquisas o 'Si' á reunificación non para de medrar neste territorio durante anos predominantemente protestante. Especialmente desde a culminación do Brexit.

A integración comunitaria esfumou a fronteira entre as dúas entidades da illa. O Protocolo para Irlanda do Norte, negociado entre Bruxelas e Londres, quixo evitar a súa volta, mais a solución levantou outra barreira ─comercial─ no Mar de Irlanda.

Unionismo debilitado

Os unionistas séntense foráneos no seu país e traizoados polo Goberno británico. Ademais, despois de décadas de ser a comunidade maioritaria, a presión demográfica e o avance político do nacionalismo irlandés estana a arrecunchar nos seis condados dos 32 da illa que desde as 00.01 horas do 3 de maio de 1921 conforman Irlanda do Norte.

A carraxe foise acumulando nos últimos meses e esparexeuse a comezos de abril cos disturbios máis importantes desde 1998. Mozos moi novos, principalmente de barrios protestantes, enfrontáronse coa Policía durante varias noites.

O conflito e a minguante relevancia do unionismo ─na casa e en Londres─ cobrouse unha vítima política. Arlene Foster deixará de ser primeira ministra de Irlanda do Norte a finais de xuño, e líder do Partido Unionista Democrático (DUP) o 28 de maio, tras unha carta interna de falla de confianza dentro da formación.

Só 24 horas despois de anunciar a súa dimisión na pasada cuarta feira, o ministro de Agricultura norteirlandés presentaba a súa candidatura. E onte mesmo facíao Jeffrey Donaldson, portavoz do DUP no Parlamento británico. Será a primeira vez nos 50 anos de historia da formación que se produza unha pelexa polo liderado, segundo apuntou RTÉ, a radiotelevisión pública irlandesa. 

As dúas alas do DUP 

Poots, impulsor da moción a Foster, representa a ala dura do partido e parte como favorito. 

Donaldson apuntou onte que "o noso vindeiro século será construído coa política da persuasión". "Isto requirirá tamén estruturas de partido capaces de comunicar claramente e consistentemente para atraer votantes [...]; e capaces de vencer aqueles que buscan abolir Irlanda do Norte". 

Poots, no vídeo de anuncio da súa candidatura, proclamouse un "norteirlandés orgulloso". É fillo dun dos fundadores do DUP, oponse a descriminalización do aborto e declárase creacionista ─sostén que a Terra foi creada hai uns 4.000 anos─. Sendo ministro de Sanidade, mantivo o veto a que as persoas homosexuais puidesen doar sangue e é contrario a que poidan adoptar crianzas.

Ademais, é un firme opositor ao Protocolo de Irlanda do Norte, que estabelece que Irlanda do Norte siga a facer parte do mercado comunitario no que ao comercio de bens se refire (o que require controis "fronteirizos"). 

"Historia complexa"

Neste contexto, dadas as sensibilidades políticas e a situación de pandemia, o Reino Unido celebrou onte o centenario do nacemento de Irlanda do Norte discretamente. O primeiro ministro, Boris Johnson, nun comunicado, falou de unidade e de "futuro brillante", e confirmou que os actos se estenderán durante todo o ano (os dous principais partidos republicanos, o Sinn Féin e o Partido Socialdemócrata e Laborista, xa se autoexcluíron).

Johnson tamén falou de "historia complexa", ao igual que a xefa do Estado, a raíña Isabel II. Esta, nunha declaración institucional recollida pola BBC, salientou a "rica mistura de identidades, de antecedentes e de aspiracións" de Irlanda do Norte.

Entre esas aspiracións, para unha crecente porcentaxe da poboación, está a reunificación. As enquisas de The Times, de 24 de xaneiro, e da BBC, do mes pasado, aínda sitúan arredor de 47-49% o apoio a manter o statu quo por 42-43% que queren a unidade irlandesa. Tamén a publicada nas últimas horas polo Independent mostra maioría probritánica en Irlanda do Norte. 

Mais tanto as dos dous medios ingleses como a do irlandés reflicten que o apoio a que se convoque un referendo é maioritario. Iso si, a do Independent sinala que a maioría da cidadanía, a ambos os dous lados da fronteira, non quere pagar máis impostos para facer realidade unha Irlanda unida. 

Entidade "nacida na discriminación"

"Hai cen anos o curso da historia irlandesa cambiou para sempre pola partición. Dividiu a nosa illa, o seu pobo e a súa economía, e o seu impacto aínda se sente hoxe no Norte e no Sur", escribiu Michelle O'Neill, viceprimeira ministra de Irlanda do Norte e vicepresidenta do Sinn Féin, nun artigo publicado onte polo Irish News (xornal de Belfast, nacionalista de centroesquerda).

Titulado O unionismo na encrucillada, nel O'Neill defende que o novo líder que elixa o DUP "ten que recoñecer que o panorama político en toda a illa mudou" e que a "maioría da sociedade aposta por un cambio social e político que reflicta unha sociedade progresista baseada na igualdade".

A partición ─apunta─ creou no Norte unha entidade "fundada na discriminación" e "mantida pola represión". "Eses días xa pasaron. Estamos nunha era diferente".

Comentarios