Tres millóns de libras para o centenario de Irlanda do Norte

O unionismo quere que non sexa simplemente conmemorado, senón celebrado, mentres que o Sinn Féin sostén que "non hai nada que celebrar".
irlanda_norte-centenario
photo_camera Imaxe da campaña lanzada onte para conmemorar o centenario. (Foto: Nós Diario)

"Non hai nada que celebrar para republicanos ou nacionalistas cando se trata sobre a partición". Así se pronunciaba en agosto Michelle O'Neill, viceprimeira ministra de Irlanda do Norte e líder do Sinn Féin nesta rexión irlandesa baixo soberanía británica.

Facíao en agosto tras se coñecer os plans do primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, de estabelecer un panel de expertos e un foro de cara á celebración, en 2021, do centenario da fundación do ente de Irlanda do Norte, algo que aconteceu en setembro. 

E onte, finalmente, foi lanzada a campaña "Our story in the making" para promover a imaxe da rexión no mundo e que contempla unha serie de actos.

O orzamento previsto é de 3 millóns de libras (3,32 millóns de euros), segundo avanzou nas horas previas ao seu lanzamento o secretario de Estado británico para Irlanda do Norte, Brandon Lewis.

En 1921, Irlanda ficou dividida en dúas entidades chamadas Irlanda do Norte e Irlanda do Sur, segundo os términos da lei de autonomía do Goberno de Irlanda de 1920 que foi aprobada no transcurso da Guerra de Independencia Irlandesa.

"Sensibilidade"

Lewis sinalou que a creación de Irlanda do Norte "abriu o camiño cara á formación do Reino Unido tal e como o coñecemos hoxe en día" e que os actos de 2021 "servirán para oír historias que non foron contadas".

No anuncio realizado en agosto por Boris Johnson, o primeiro ministro manifestou que o centenario debía ser xestionado con "sensibilidade", mais desde o unionismo considérase que a data non debe ser só conmemorada senón celebrada.

Comentarios