O Brexit activa os paramilitares unionistas de Irlanda do Norte

A difícil negociación de saída do Reino Unido da UE estabelecía que Irlanda do Norte permanecería como territorio comunitario a efectos de control de mercadorías na fronteira. Porén, tanto Londres como os grupos lealistas radicais, agrupados no LCC, non están polo labor de cumprir o acordado.
EuropaPress_2032422_30_march_2019_ireland_carrickcarnon_protesters_of_the_border_communities
photo_camera Manifestación de 2019 en Carrickcarnon, Irlanda, en contra do estabelecemento dunha fronteira (Foto: Brian Lawless / PA)

O Consello de Comunidades de Lealistas (LCC, nas siglas en inglés), a organización que representa os grupos paramilitares unionistas de Irlanda do Norte, anunciou onte que retira o apoio ao Acordos de paz de Venres Santo (1998) co fin de presionar os Gobernos do Reino Unido e da UE para modificaren o acordo do Brexit a respecto do control de fronteiras desta rexión irlandesa baixo soberanía británica.

Nunha carta enviada aos primeiros ministros do Reino Unido e de Irlanda, Boris Johnson e Micheál Martin, respectivamente, o LCC advirte dunha "destrución definitiva" deste histórico tratado que puxo fin a décadas de violencia, de non haber mudanzas nas disposicións estabelecidas no Acordo de Retirada asinado por Londres e Bruxelas.

Cal é o problema? Nas complicadas negociacións para a saída do bloque comunitario acordouse que non houbese unha 'fronteira dura' entre Irlanda do Norte ─territorio legalmente británico─ e a República de Irlanda ─un Estado soberano membro da UE─. Isto significa que, Irlanda do Norte continuará a facer parte do mercado comunitario no que ao comercio de bens se refire. 

Polo tanto, os produtos que chegan desde Gran Bretaña a través do mar de Irlanda (lembremos: o nome oficial do país é "Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte") teñen que superar os procedementos de importación estabelecidos pola UE, en especial a respecto de cuestións sanitarias. Con todo, marcouse un período de graza para a entrada en vigor destes controis. Período que caduca a finais deste mes.

O LCC, que dá voz a organizacións consideradas terroristas no seu día como a Forza Voluntaria do Ulster (UVF), a Asociación en Defensa do Ulster (UDA) e o Comando Man Vermella (RHC), oponse a este acordo. 

E Londres tampouco está polo labor de cumprilo: na cuarta feira comunicou que estendería até outubro o período de graza, anuncio que foi respondido desde Bruxelas polo vicepresidente da Comisión Europea Maroš Šefčovič, advertindo que supón un incumprimento do dereito internacional e que acudirá aos tribunais. 

Críticas de Dublín a Londres e medo desde Belfast á "escalada na retórica"

A decisión unilateral de Londres sobre a aplicación do Brexit en Irlanda do Norte "non é o comportamento axeitado dun país respectábel", sinalou onte desde Dublín o Goberno irlandés. En tanto que 160 km ao norte, en Belfast, as declaracións centráronse no comunicado do LCC a respecto do Acordo de Venres Santo, alicerce do Goberno rexional compartido. A tensión vén en aumento desde hai días, especialmente desde que a líder do partido unionista (DUP) e primeira ministra, Arlene Foster, tivese unha reunión co LCC a semana pasada. Unha "campaña antidemocrática" conxunta contra os acordos de paz, cualificouna en Twitter o parlamentario do Sinn Féin John Finucane. E Stephen Farry, do centrista Partido da Alianza, alertou da "escalada na retórica" e de que "organizacións terroristas proscritas se convertan en actores do debate político".

Comentarios