A importancia de dicirse córnico

Como cada década e coincidindo con ano rematado en 1, chega o momento de facer o censo na maioría dos países occidentais. No Reino Unido ten especial importancia, xa que o cuestionario que cómpre cubrir permite seleccionar entre outras cousas a identidade nacional e a lingua principal de uso. O prazo para cubrilo acaba mañá.
censo_cornica
photo_camera Exemplo de resposta, "Outra: córnica", á pregunta do censo británico sobre identidade nacional (census.gov.uk)

Mañá é o Día do Censo no Reino Unido. É algo que sucede cada década coincidindo cos anos que rematan en 1, como na maioría dos países occidentais desde que se acordou internacionalmente no século pasado. Os censos permiten calcular o número de habitantes dun país ou territorio, mais tamén se aproveitan para obter unha serie de datos demográficos, económicos e sociais desde un punto de vista cuantitativo.

Hai Estados en que este procedemento é limitado; xa non se vai casa por casa: faise unha estimación con base nunha porcentaxe determinada de poboación, ao estilo dunha enquisa, e complétase cos datos dos padróns municipais. É o caso, por exemplo, de Alemaña ou de España. Noutros, como Arxentina ou Reino Unido, é obrigado para toda a cidadanía.

No caso británico, o censo en Escocia ─elaborado ininterrompidamente cada dez anos desde 1801, agás en 1941 pola Segunda Guerra Mundial─, foi adiado a 2022 debido ao impacto da Covid-19. Non obstante, mantense en Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte para este ano, para este 21 de marzo; ou sexa, para mañá. 

Aínda sendo esta a data fixada para o censo ser o máis axustado á realidade do momento, o Goberno británico permitiu que fose cuberto con anterioridade de se ter a seguridade de que as condicións persoais de cada un non mudarán. Non cubrir e entregar o cuestionario está tipificado como un delito, con até 1.000 libras de multa mais os custes procesais. 

Expectación en Belfast

En rexións como Irlanda do Norte, o censo decenal ten sempre especial interese polo contexto político que neste territorio irlandés baixo soberanía británica se vive. Identificarse como "católico" ou como "protestante" a respecto da relixión serve para facer análises de cara á convocatoria e o posíbel resultado dun hipotético referendo de reunificación. Nas últimas décadas, a tendencia demográfica mostra unha paulatina erosión da hexemonía protestante en favor dos católicos, maioritariamente partidarios da unidade de Irlanda.

A cuestión relixiosa introduciuse en 2001, e a cuestión nacional en 2011. Neste último censo, 45,1% da poboación identificouse como católica, en tanto que 48,4% o fixo como protestante ou doutras correntes cristiás. Ademais, 39,9% considerouse exclusivamente británica; 25,3%, exclusivamente irlandesa; e 20,9%, exclusivamente norteirlandesa. O resto marcou identidade nacional múltiple.

Politicamente, agárdase que o censo deste ano sexa o primeiro que mostre que os católicos xa son maioría en Irlanda do Norte, o que suporía un argumento máis entre os partidarios da reunificación irlandesa para reclamar o referendo. Ademais, co independentismo á alza en todo o Reino Unido logo do Brexit, ten especial interese para a análise política do futuro próximo.

Nación pantasma

Con menos atención mediática conta, porén, a situación no territorio de Cornualles, legalmente un dos 47 condados en que se divide Inglaterra. Situado no extremo suroccidental da illa da Gran Bretaña, a fronteira natural que marca o río Tamar foi historicamente a liña que dividiu Inglaterra e a nación celta de Kernow (Cornualles, en lingua córnica). 

Durante moito tempo considerada unha minoría invisíbel, en 2014 o Goberno británico recoñeceu por vez primeira a córnica como unha minoría nacional dentro do Reino Unido, o que lle permitiu ser incluída dentro da convención marco europea para a protección de minorías nacionais, ao mesmo nivel que a escocesa, a galesa e a irlandesa.

Politicamente, o nacionalismo córnico aspira a unhas competencias como as que ten Escocia e Gales, cun corpo lexislativo de seu. Apelan, como argumento histórico, ao antigo Parlamento de Stannary, que foi instaurado en 1201 e que mantivo a súa actividade até finais do século XVIII.

O partido nacionalista Mebyon Kernow presentou en 2001 unha petición ao Goberno británico con 50.000 sinaturas (Cornualles conta con algo máis de medio millóns de habitantes) reclamando unha Asemblea Lexislativa. 

A inclusión da cuestión nacional no censo de 2011 tamén veu a dar peso aos seus argumentos. Hai dez anos, 73.200 persoas especificaron que a súa identidade nacional era a córnica, malia non se incluír un recadro específico con esta opción.

"Outra' identidade nacional

O mesmo acontece no censo de 2021. Na pregunta 14ª do cuestionario hai que contestar "Cal é a súa identidade nacional?". Os recadros ofrecidos son: "británica", "inglesa", "galesa", "escocesa", "norte irlandesa" e "outra". "Isto significa que se desexas rexistrar a túa nacionalidade como córnica, podes marcar a caixa de 'outra' e escribir 'córnica' no espazo facilitado", explica Dick Cole, líder do Mebyon Kernow na páxina web da formación.

Unha situación similar se repite na pregunta número 15ª a respecto de "Cal é o teu grupo étnico?", que baixo o epígrafe de "branco" inclúe cinco categorías: unha xenérica "inglés, galés, escocés, norteirlandés ou británico"; e outras catro, que son  "irlandés", "xitano ou irlandés nómade", "romaní" e "outro". E na pregunta número 18ª, "Cal é a súa lingua principal?", tamén cómpre acceder a través do apartado de "outra" para poder indicar a lingua córnica no rexistro.

En definitiva, o censo decenal de mañá vai alén das cuestións estatísticas; tamén ten un compoñente político. Como na comedia de Oscar Wilde, The Importance of Being Earnest, adoptar unha identidade falsa non trae máis que enredos na vida. É a importancia de dicirse córnico. 

O galés, esa "lingua estranxeira" para o Parlamento británico

Na cuarta feira celebrouse San Patricio, Día Nacional de Irlanda. Liz Saville Roberts, deputada no Parlamento británico do partido nacionalista galés Plaid Cymru, interviu para ofrecer unha felicitación en irlandés e galés, mais estendeuse, circunstancia pola que foi reprendida polo presidente da Cámara dos Comúns, Lindsay Hoyle. 

Saville Roberts escusouno a el ─"só cumpre coas normas", dixo─ mais si que recalcou que era unha mostra do "desdén de Westminster polas linguas minoritarias". 

Owen Thompson, do SNP tamén protestou e reclamou que se fagan as modificacións necesarias para que se poidan usar na Cámara "as linguas indíxenas destas illas".

Ao respecto, o portavoz e líder da bancada do Partido Conservador, Jacob Rees-Mogg, defendeu que, en tanto que "citas modestas en linguas estranxeiras son permisíbeis", era "razoábel” non autorizar "discursos enteiros".

Comentarios