xoves 01/10/20

Irlanda do Norte como moeda de cambio

O Parlamento británico podería aprobar hoxe a Lei do Mercado Interno, que anularía partes do acordo de saída do Brexit. A chamada "fronteira dura" entre Irlanda do Norte e o resto da illa volvería estar sobre a mesa e, polo tanto, tamén a ameaza do colapso dos Acordos do Venres Santo e o rexurdimento da violencia armada.
EuropaPress_2299713_31_july_2019_northern_ireland_belfast_members_of_the_border_communities (1) (1)
Membros da asociación Comunidades da Fronteira contra o Brexit protestan contra a "fronteira dura" en marzo de 2019 en Carrickcarnon (Niall Carson / PA Wire)

"Facer isto sería mostra dunha total desconsideración polas vidas e polos problemas do pobo de Irlanda", sinalaba a presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald. "Sería moi insensato", apuntaba o ministro de Exteriores irlandés, Simon Coveney. "Todo o asinado debe ser respectado", dicía o negociador da UE para o Brexit, Michel Barnier. "O protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte é esencial para protexer a paz e a estabilidade da illa", advertía Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea.

Son algunhas das reaccións á ameaza do primeiro ministro británico, Boris Johnson, de sacar adiante hoxe no Parlamento a Lei do Mercado Interno, que anula partes do acordo de saída do Brexit. Desde o punto de vista puramente económico, permitirá a Londres decidir que bens deben ser revisados cando atravesen o Mar de Irlanda, é dicir cando entren no mercado comunitario.

Cómpre lembrar que o acordo de saída do Brexit estabelece que Irlanda do Norte ─territorio baixo soberanía británica─ se manterá polo momento dentro do mercado interior comunitario. O obxectivo deste pacto é evitar o regreso a unha "fronteira dura", é dicir, á fronteira que dividiu a illa de Irlanda durante anos.

Durante os Troubles ("Os Problemas"), eufemismo para facer referencia ao conflito armado en Irlanda do Norte entre finais da década de 1960 e o día de Venres Santo de 1998, os case 500 km  de fronteira estaban fortemente fortificados con destacamentos militares e postos de vixilancia policial, que eran obxectivo dos ataques do IRA e doutros grupos paramilitares republicanos.

Os Acordos do Venres Santo, malia non faceren referencia directa á eliminación dunha "fronteira dura", é dicir, a postos ou controis de aduanas, si que estabelecían a colaboración transfronteiriza e falaban especificamente da súa "desmilitarización". Isto é, "a retirada das instalacións de seguridade".

Estratexia política

Para o Goberno de Irlanda, recolle The Irish Times, a ameaza de Boris Johnson enmárcase na estratexia de cara á oitava rolda de negociacións entre Londres e Bruxelas que comezou onte. Non se ve posíbel que o Reino Unido incumpra un tratado internacional. Porén, unha fonte do Executivo irlandés citada polo xornal cre que "o que é preocupante é que estean dispostos a xogar á política con Irlanda do Norte".

A UE avoga polos controis dos bens entre Irlanda do Norte e Irlanda: "Un animal vivo que chega do Reino Unido a Irlanda do Norte pode acabar en Alemaña, Francia ou Bélxica", exemplificou Michel Barnier nunha entrevista en France Inter, emisora da radio pública francesa. Mais Bruxelas mantívose firme no apoio a Irlanda durante todo o proceso de negociación do Brexit. 

Mesmo cando a postura irlandesa de evitar a fronteira dura era a única e derradeira eiva para o acordo e Londres pensaba que Dublín claudicaría ante a presión do resto de Estados membros, a UE plantouse. "Se a oferta británica é inaceptábel para Irlanda tamén o será para a UE", manifestara Donald Tusk, o daquela presidente do Consello Europeo.

Regreso da violencia

A cuestión económica está detrás da firme oposición de Bruxelas á fronteira dura, mais tamén conta cun compoñente de integración comunitaria e de seguridade no límite occidental do territorio da UE: o incumprimento do acordo do Brexit por parte do Goberno británico levaría ao colapso dos acordos do Venres Santo e o regreso da violencia a Irlanda do Norte.

Nunha entrevista na canle de TV británica Channel 4 en outubro do ano pasado, un portavoz do Novo IRA advertía: "Calquera instalación ou aspecto da ocupación británica dentro dos Seis Condados [os seis baixo control británico ─isto é, "Irlanda do Norte"─, dos nove con que conta a provincia irlandesa do Ulster], xa sexa na fronteira ou noutro sitio, será un obxectivo lexítimo de ataque e de accións armadas, contra esa infraestrutura e contra as persoas que a xestionen". 

Desde o Sinn Féin, principal formación con representación en toda a illa de Irlanda, reaccionaron con preocupación e contundencia ante a ameaza do Reino Unido. "Unha vez máis lémbrolle a Boris Johnson as obrigas do Goberno británico cos Acordos do Venres Santo", declarou Mary Lou McDonald. 

"Irlanda non se pode converter nun dano colateral deste 'Brexit Tory' [Brexit do Partido Conservador]", engadiu. E, en referencia velada á cuestión do rexurdimento da violencia entre católicos e protestantes, sinalou que "o Norte votou a prol de permanecer na Unión Europea e en toda a comunidade hai medos reais sobre a ameaza que o Brexit supón para a vida das persoas e para a estabilidade das relacións entre comunidades".

comentarios