As cinco cuestións que descoñeces do 'Catalunyagate'

'Pegasus', un software de espionaxe dispoñíbel só para os Gobernos e servizos de intelixencia estatais, foi empregado durante anos para investigar de xeito ilexítimo persoeiros do independentismo catalán que, agora, exixen explicacións ao Executivo de Pedro Sánchez e levarán a causa aos tribunais europeos.
O presidente da Generalitat, Perè Aragonès, da a súa valoración sobre o 'Catalunyagate'.  (Foto: Kike Rincón/Europa Press)
photo_camera O presidente da Generalitat, Perè Aragonès, da a súa valoración sobre o 'Catalunyagate'. (Foto: Kike Rincón/Europa Press)

A noticia publicada polo xornal El País sobre a espionaxe que sufriu o avogado de Oriol Junqueras, Andreu Van den Eynde, co programa 'Pegasus', dispoñíbel só para os Gobernos e para os servizos de intelixencia institucionais, reavivou un escándalo que destaparon no 2019 persoeiros do independentismo catalán como os deputados Roger Torrent, Anna Gabriel e Ernest Maragall, entre outros.

A maioría dos espiados ao longo destes catro anos, máis de sesenta segundo as últimas informacións, sinalan o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e, en último termo, o Goberno español, como o culpábel de levar a cabo a intervención dos terminais móbiles de políticos, avogados e xornalistas vencellados coa causa independentista. Mais, cales son as chaves do 'Catalunyagate'?

O CNI mercou o programa 'Pegasus' por 6 millóns de euros

Os servizos de intelixencia españois mercaron o software 'Pegasus' á empresa israelí NSO Group por uns seis millóns de euros aproximadamente, segundo publica El País, que tamén sinala que fontes próximas ao CNI matizan que o custo final depende do uso que se lle dea ao programa. Neste sentido, Van den Eynde explicou ao diario dixital Vilaweb que cada intervención nun teléfono móbil ten un custo de 80.000 euros.

A compra tivo lugar entre os anos 2010 e 2015, e o CNI xustificou ante o Goberno español compra de 'Pegasus' para o seu uso no exterior do territorio do Estado, xa que nesas situacións si pode ser empregado sen a necesidade de contar coa aprobación do país no que se leve a cabo a intervención.

Amnistía Internacional exixe que o Goberno español aclare a súa implicación

A plataforma polos dereitos humanos Amnistía Internacional (AI) fixo público un comunicado no que exixe ao Goberno español que dea as explicacións necesarias para aclarar cal foi a súa implicación, se houber, no uso ilexítimo de 'Pegasus' contra o independentismo catalán.

No seu escrito, tamén pide a intervención da Unión Europea (UE) e doutros organismos internacionais para que poñan fin ás "violacións" de dereitos humanos cometidas mediante o uso de 'Pegasus' á marxe da lei para espiar activistas e disidentes políticos en todo o mundo.

Apple demandou NSO Group polo uso de 'Pegasus' contra as súas persoas usarias

A compañía tecnolóxica Apple demandou a finais de 2019 NSO Group, a empresa creadora de 'Pegasus', para exixir responsabilidades polo uso deste programa contra persoas usuarias dos seus produtos.

A demanda desta empresa pretende evitar que NSO Group deixe tamén de empregar os seus dispositivos, servizos e software para facer uso de 'Pegasus' contra outros terminais.

O escándalo de 'Pegasus' pode afectar á mesa de diálogo

Tanto o Goberno español como a Generalitat estabeleceron unha mesa de diálogo para normalizar a situación política e social entre o Estado español e Catalunya após o referendo de independencia do 1 de outubro de 2017 e a xudicialización do procès que levou a cabo o Goberno de Mariano Raxoi, aplicando o artigo 155 e levando aos tribunais, e, posteriormente, ao cárcere, aos líderes independentistas na altura.

Porén, a medida que se coñecen novos datos sobre o 'Catalunyagate', a tensión entre os Executivos estatal e catalán pon en risco a continuidade e viabilidade desta mesa de diálogo. O presidente da Generalitat, Perè Aragonès, afirmou que neste momento a confianza no Goberno de Pedro Sánchez é mínima, e que a mesa de diálogo queda afectada mentres non se dean as explicacións necesarias sobre o ocorrido.

O independentismo espiado con 'Pegasus' levará aos tribunais europeos a causa

A maioría de persoeiros do independentismo catlán espiados con 'Pegasus' ten pensado levar aos tribunais europeos o presunto delito cometido, para que se esclarezan os culpábeis e os responsábeis últimos de tomar a decisión de levar a cabo esta espionaxe ilexítima.

Así o anunciou o antigo presidente da Generalitat Carles Puigdemont, nunha rolda de prensa conxunta con membros de Junts per Catalunya, ERC, as CUP, Òmnium e a ANC, na sede do Parlamento Europeo.

Comentarios