Os científicos chineses perseguidos por "espías" exixen que os EUA rendan contas

Científicos chineses ou de ascendencia chinesa foron acusados polos Estados Unidos de vencellos coa China e coa espionaxe económica da que inculpan o país. Unha vez declarados inocentes, reclaman que as persoas responsábeis da medida rendan contas polo custo persoal e profesional das acusacións.
Manifestación en Atlanta (EUA) en contra dos crimes motivados polo racismo anti asiático (Foto: Robin Rayne / ZUMA Wire / dpa).
photo_camera Manifestación en Atlanta (EUA) en contra dos crimes motivados polo racismo anti asiático (Foto: Robin Rayne / ZUMA Wire / dpa).

En 2018, o Goberno estadounidense liderado por Donald Trump lanzou o seu programa Iniciativa China, orientado a combater a espionaxe económica e as ameazas á seguridade das que o país acusa a China.

Arredor de catro anos despois de impulsar o que rematou por converterse “nunha das principais prioridades dos esforzos de contraintelixencia nacional e da aplicación da lei nos EUA”, sinala unha investigación do MIT Technology Review, “o programa semella un paraugas xeral para os casos con calquera conexión” co país asiático.

90% dos acusados teñen orixe chinesa

Asemade, denuncia que case o 90% das persoas acusadas a través deste programa son de orixe chinesa, e apenas unha cuarta parte das persoas imputadas foron finalmente condenadas, aínda aplicando un enfoque “que se foi afastando da espionaxe económica e dos casos de pirateo informático para centrarse en cuestións de integridade científica, como non declarar todas as colaboracións estranxeiras nos formularios”.

A pesar disto, con respecto a estes casos, un “número significativo foron desestimados ou os cargos foron retirados”, ademais, “moitos casos teñen pouca ou ningunha conexión obvia coa seguridade nacional ou co roubo de segredos comerciais”, chegando o Departamento de Xustiza a modificar a lista pública dos casos e eliminar 39 acusados, varios dos que o seu procesamento foi anunciado con moito bombo, unha vez interrogada polo MIT a respecto da cuestión.

Preocupación sobre discriminación racial

Desde as universidades afectadas, destacan que as pautas elaboradas polo Executivo para combater a espionaxe “non explican como as institucións poden abordar as preocupacións sobre a discriminación racial” que provoca esta clase de medidas. Malia que o “clima de medo que xera a ameaza de cárcere xa empurrou outros científicos talentosos a abandonar os EUA”, apunta o MIT, outros decidiron unha vez declarados inocentes loitar por recuperar os postos que a Iniciativa China, substituída en febreiro por un programa semellante, lles quitou.

Anming Hu, canadense de ascendencia chinesa que investigou durante catro anos sobre nanotecnoloxía na Universidade de Tennessee en Knoxville, foi acusado polos EUA de agochar os seus vencellos coa China e posto en arresto na súa casa durante máis dun ano. Mentres agardaba o xuízo, a universidade suspendeuno e acabou por despedilo, ademais, o Servizo de Cidadanía e Inmigración dos EUA arquivou a súa solicitude para solicitar a residencia permanente no país.

Todo isto mentres a universidade contaba con rexistros que desvelaban que Hu endexamais ocultara os seus vencellos con científicos da China cos que colaboraba nas súas investigacións, o que levou a que en setembro de 2021 a Xustiza o absolvera de todos os cargos, explica a revista científica Nature.

Rendición de contas

O 1 de febreiro, Hu volveu á Universidade de Tenessee após ser readmitido. Cando chegou, desapareceran os láseres, lentes e medidores de voltaxe que tanto el como as e os estudantes usaban para efectuar as investigacións. As primeiras semanas dedicounas a percorrer o centro buscando as ferramentas, algunhas apareceron noutros laboratorios ou despezadas en armarios, porén, moitas continúan desaparecidas.

“Perdín dous anos da miña vida, quen está asumindo as consecuencias diso?”, subliña Hu, que reclama que o Goberno dos EUA renda contas polas súas accións.

Pola súa parte, Gang Chen, enxeñeiro mecánico do MIT en Cambridge, arrestado en 2021 polos mesmos cargos que Hu e cuxa acusación rematou por ser retirada, pon o foco en que o Congreso dos EUA tería que obrigar o FBI e o Departamento de Xustiza a render contas polo trato aos investigadores. Ao tempo, reclama que os centros universitarios apoien os profesores que resultan acusados de maneira inxusta.

Nova iniciativa que inclúe países como Rusia ou Corea do Norte, amais da China

O pasado 23 de febreiro, o Departamento de Xustiza dos EUA fixo público que acababa formalmente coa Iniciativa China impulsada polo ex presidente Donald Trump, e que foi substituída por unha estratexia máis ampla que implicaba a investigación das accións doutros países como Rusia ou a República Popular e Democrática de Corea, amais da China, após as denuncias de persoal universitario e de asociacións en defensa dos dereitos civís de que a iniciativa perfilaba de maneira racista os científicos.

Non obstante, Matthew Olsen, fiscal xeral adxunto do país, negouse a asumir que o programa implicaba prexuízos raciais, mais recoñeceu que os casos que tiñan por obxecto persoas procedentes da China daban aparencia de parcialidade.

Comentarios