O avogado de Oriol Junqueras súmase á lista de independentistas cataláns espiados co programa israelí 'Pegasus'

'Pegasus' está pensado para grandes investigacións relacionadas co crime organizado ou o terrorismo internacional, mais nos últimos tres anos varios persoeiros do independentismo catalán denunciaron ser vítimas deste programa.
Andreu Van den Eynde, avogado do antigo vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras. (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press)
photo_camera Andreu Van den Eynde, avogado do antigo vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras. (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press)

O programa informático 'Pegasus', dispoñíbel só para o uso de gobernos e servizos de intelixencia estatais, foi empregado para espiar o avogado do antigo vicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras, Andreu Van den Eynde, segundo adianta o xornal El País.

Este programa, creado pola empresa israelí NSO Group, accede ao terminal móbil da persoa en cuestión que se quere investigar, e permite activar desde a distancia o micrófono, a cámara ou o GPS do mesmo, ademais de transmitir calquera dato que garde o teléfono sen que o propietario sexa consciente.

'Pegasus' está pensado para grandes investigacións relacionadas co crime organizado ou o terrorismo internacional, mais nos últimos tres anos varios referentes do independentismo catalán denunciaron ser vítimas deste programa.

En 2019, os deputados republicanos Ernest Maragall e Roger Torrent, que tamén foi presidente do Parlament; a deputada das CUP Anna Gabriel e o activista da ANC Jordi Domingo foron os primeiros en denunciar os ataques de 'Pegasus'. A pesar de presentar unha denuncia nun xulgado de Barcelona, aínda non existe a certeza de quen encargou esta espionaxe.

O avogado de Oriol Junqueras

Agora coñécese que outra das persoas cuxo teléfono móbil foi intervido por 'Pegasus' é o avogado Andreu Van den Eynde. O seu terminal foi 'hackeado' en maio de 2020, uns días antes de que Junqueras e o resto de presos políticos cataláns fosen indultados polo Goberno español.

Van den Eynde recibiu o aviso sobre a espionaxe que sufrira grazas a un grupo de investigadores e expertos en ciberseguridade, integrantes da Universidade de Toronto, que se dedica a seguir a pista a este programa informático e o seu uso irregular.

O diario El País engade que o letrado de Junqueras non foi o único en ser investigado, senón que o resto de avogados dos presos independentistas tamén sufriron o 'hackeo' mentres preparaban a causa dos seus defendidos no Tribunal Supremo.

Outra das persoas da contorna do antigo vicepresidente catalán que foron espiados con 'Pegasus' é o xurista Oriol Sagrera, colaborador de Van den Eynde e xefe do gabinete de Roger Torrent na presidencia do Parlament.

Comentarios