A cúpula de Interior do Goberno de Raxoi procesada por espionaxe a Bárcenas

O ministro Fernández Díaz entre os dirixentes do PP inculpados
Jorge Fernández Díaz, Eugenio Pino e outros membros da cúpula de Interior durante o Goberno do popular Mariano Raxoi (Foto: Europa Press).
photo_camera Jorge Fernández Díaz, Eugenio Pino e outros membros da cúpula de interior de Raxoi. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular prepárase para un novo procedemento xudicial. A decisión do maxistrado da Audiencia Nacional, Manuel García Castellón, de enviar ao xulgado á cúpula do Ministerio de Interior por unha operación ilegal de espionaxe a Luís Bárcenas representa un salto cualitativo en relación coas causas anteriores. Nesta ocasión, non se investigan só delitos de carácter económico ou relacionados coas tramas de financiamento irregular do partido senón que se procesa ao PP por empregar os aparatos do Estado para defender os intereses da formación e máis, concretamente, do propio presidente do Goberno, Mariano Raxoi, quen segundo Bárcenas ten cobrado en negro de diñeiro procedente da caixa b da formación.

O auto de García Castellón, publicado en exclusiva por El País, sinala que a operación contra Bárcenas tiña como obxectivo roubar ao ex tesoureiro dos populares papeis comprometedores para altos cargos do partido co obxectivo de evitar que chegasen ao maxistrado Pablo Ruz, que entón investigaba o caso Gürtel e a caixa b da formación.

Malia que o auto de García Castellón, un maxistrado de coñecida adscrición conservadora e moi próximo ao Partido Popular, libera de responsabilidades a María Dolores de Cospedal e o seu marido, Ignacio López do Hierro, imputados até o de agora pola Fiscalía, non acontece o mesmo con outro membro do Goberno de Raxoi, Jorge Fernández Díaz, persoa do círculo máis íntimo do presidente. 

A resolución divulgada polo xulgado número 6 da Audiencia Nacional propón levar a xuízo o ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, o seu número dous, Francisco Martínez, secretario de Estado de Seguridade, e os máximos responsábeis da policía naquel momento.

Así, entre estes, atópanse o director adxunto operativo, Eugenio Pino ou o comisario José Manuel Villarejo, imputado en máis de 30 investigacións por dirixir unha mafia policial que ten traballado para algunhas das máis importantes empresas do Estado e para diversos Executivos do PP e do PSOE. Outro dos sinalados pola súa participación na denominada Operación Kitchen é o inspector Andrés Gómez Gordo, alto cargo en diversos Gobernos do PP e asesor de Dolores de Cospedal. 

As reaccións políticas por este procedemento non se teñen feito agardar. Neste sentido, o PP ten procedido a suspender de militancia a Jorge Fernández Díaz, presidente durante anos da formación en Catalunya e unha das referencias da organización desde os tempos de Manuel Fraga.

Pola súa banda, desde Podemos cualifican a decisión de García Castellón de non procesar a Dolores Cospedal e López de Hierro de “corrupción xudicial”.

Comentarios