Cuase 2 millóns de persoas, sen acceso a auga corrente ao se intensificar a batalla de Aleppo

“Aleppo está a morrer lentamente e o mundo está a ollar sen facer nada”, afirmou a BBC un portavoz de Unicef. A batalla polo control da cidade entre as tropas de Damasco e os chamados rebeldes inutilizou as estacións de bombeo de auga corrente da urbe na que se está a decidir a sorte do país.

Bombardeamento Aleppo
photo_camera Aleppo, bombardeada

Esta segunda feira colapsou o cessar fogo que pactaran os EUA e Rusia. A situación virou insustentábel após 60 soldados sirios ter morto a consecuencia dun bombardeamento por parte de avións da coligazón que lidera Washington. Os EUA atribuíron a acción a un erro, en tanto que Damasco viu nela a proba dos vínculos norteamericanos co Estado islámico (as tropas sirias estaban cercando unha posición yihadista). Un ataque ulterior a un comboio de axuda humanitaria que se dirixía aos territorios sob o control da insurxencia acabou coa vida de 21 persoas. Rusia e Damasco garantiron non teren tido ningunha responsabilidade nese golpe, unha máis das traxedias que acotío acontecen por volta dunha cidade cuxo control podería resolver a guerra para un lado ou para outro.

Os chamados rebeldes -a oposición armada a Damasco que ten o apoio da UE e dos EUA- responsabilizaron o Exército sirio do bombardeamento deliberado dunha estación de bombeo de auga corrente situada no leste da cidade, que tería deixado sen subministración a por volta de 250 mil persoas. A resposta non se fixo agardar e as milicias opositoras a Assad bombardearon e deixaron inoperativa a estación de auga da parte occidental da urbe. A intertroca de golpes deixa 1,7 millóns de persoas sen acceso a auga corrente -segundo un portavoz de Nacións Unidas- e as aboca ao consumo de auga contaminada, coas previsíbeis secuelas sobre o deterioro da súa saúde.

Unicef ten denunciado que ambos bandos utilizan a auga como arma de guerra.

Nos últimos días, o Exército sirio ten apertado o cerco sobre o leste de Aleppo, a zona controlada polos aliados dos EUA. Damasco planifica unha operación terrestre a grande escala e fontes das milicias rebeldes revelaron a Reuters a toma de control por parte das tropas sirias do campamento de Handarat, un enclave situado a poucos quilómetros ao norte da zona oriental da cidade.

Comentarios