Condenan a 6 anos de prisión Cristina Fernández de Kirchner, vicepresidenta arxentina

O tribunal tamén castigou a ex presidenta do país cunha pena de inhabilitación perpetua para o exercicio de cargos públicos

A vicepresidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner. (Foto: Esteban Osorio / Zuma Press / ContactoPhoto).
photo_camera A vicepresidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner. (Foto: Esteban Osorio / Zuma Press / ContactoPhoto).

A actual vicepresidenta arxentina, Cristina Fernández Kirchner, foi condenada a seis anos de prisión no xuízo por irregularidades na concesión de obras viarias durante os gobernos kirchneristas entre 2003 e 2015; unha pena á que o tribunal sumou outra de inhabilitación perpetua para o exercicio de cargos públicos.

Isto é a confirmación da existencia dun sistema paraestatal, onde se toman decisións sobre a vida, o patrimonio e a liberdade de todos os arxentinos

O xuízo contra Cristina Fernández, que presidiu a Arxentina entre 2007 e 2015, comezou en maio de 2019.

Desde entón, este proceso mantivo en tensión a vida política, económica e social do país; até o punto de que o pasado mes de setembro un home disparou cunha pistola a Fernández. A vicepresidenta saíu ilesa do intento de asasinato.

Durante todo o proceso, Fernández negou os feitos e denunciou que foi vítima dunha conspiración entre sectores conservadores de Arxentina país e parte da xustiza.

A Fiscalía solicitaba 12 anos

O proceso xulgou irregularidades na concesión de 51 obras públicas a empresas da construtora Lázaro Báez durante os gobernos de Néstor Kirchner (2003-2007) e Cristina Fernández (2007-2015).

Os xuíces declararon a Cristina Fernández culpábel do delito de administración fraudulenta de caudais públicos, mais absolvérona dos cargos de presunta asociación ilícita; de aí que a pena na denominada "causa Vialidad" sexa inferior aos 12 anos solicitados pola Fiscalía.

O xulgado tamén ordenou o comiso dos efectos do delito, que consisten nunha cantidade de 84.835 millóns de pesos, uns 478 millóns de euros.

A ex presidenta, que en principio ten inmunidade até decembro de 2023 polo seu cargo no executivo, ten dereito a recorrer a sentenza nos tribunais superiores.

Vítima da "mafia xudicial paraestatal"

Após coñecerse a sentenza, a ex presidenta arxentina reaccionou nunha intervención desde o seu despacho no Senado. A vicepresidenta volveu dicir que a sentenza "estaba escrita" e que foi branco dun "estado parelelo" e dunha "mafia xudicial".

Fernández de Kirchner asegurou que non volverá presentarse a ningún cargo público

"Isto é a confirmación da existencia dun sistema paraestatal, onde se toman decisións sobre a vida, o patrimonio e a liberdade de todos os arxentinos". "A idea era condenarme, como finalmente fixeron", dixo a ex presidenta arxentina, quen reiterou a súa inocencia e asegurou que recorrerá.

Fernández tamén asegurou que non volverá presentarse a ningún cargo público e que, a partir do 10 de decembro, volverá a casa: "Non vou ser candidata a nada, nin a presidenta, nin a senadora; o meu nome non aparecerá en ningún billete", apuntou.

Solidariedade do presidente arxentino

 

O presidente de Arxentina, Alberto Fernández, solidarizouse coa súa vicepresidenta tras o fallo do tribunal que a condenou. 

"Hoxe, en Arxentina, foi condenada unha persoa inocente. Alguén a quen os poderes fácticos trataron de estigmatizar a través de medios de comunicación e perseguido a través de xuíces compracentes cos que pasean en avións privados e mansións de luxo as fins de semana", criticou o mandatario arxentino.

Comentarios