mércores 27/10/21

Un cento de casas afectadas polas linguas de lava na Palma

Oito días e 25.000 sismos despois, o volcán do Cumio Vello (A Palma, Canarias) entrou en erupción. Até un cento de casas foron afectadas por linguas de lava que alcanzan os 10 metros de altura e discorren a 700 metros por hora. Malia que aínda non hai estimacións, as autoridades apuntan a "danos cuantiosos".
Lingua de lava nunha das fisuras abertas o domingo na Palma. (Foto: Europa Press)
Lingua de lava nunha das fisuras abertas o domingo na Palma. (Foto: Europa Press)

5.000 veciñas e veciños dos concellos do Paso, Los Llanos de Aridane e Tazacorte tiveron que ser evacuados até esta segunda feira mentres as linguas de lava avanzan a 700 metros por hora cara ao mar, tras a erupción do volcán do Cumio Vello na illa canaria da Palma, o domingo ás 15.12.

Dúas fisuras de varios centos de metros con oito bocas están botando lava a 1075 graos, informa o Instituto Vulcanolóxico de Canarias. O avance do magma que saíu á superficie afectou a un cento de vivendas do Paso, das cales arredor dunhas 20 quedaron sepultadas, sinalou Sergio Rodríguez, alcalde da vila, á Radio Televisión Canaria.

O presidente de Canarias, Ángel Víctor Torres, transmitiu esta segunda feira, 20 de setembro, que segundo os cálculos científicos o volcán conta de xeito aproximado con “20.000 toneladas de metros cúbicos de magma”, e está a emitir entre 6.000 e 9.000 toneladas diarias de dióxido de xofre.

Mantense certa normalidade nos transportes da illa, co aeroporto aberto pola falta de vento, o que impide que a columna de 1.500 metros de cinzas volcánicas sobre a boca principal interfira na aviación, explica Torres. Ao tempo, seis estradas na zona da erupción permanecen cortadas.

“Os danos materiais serán cuantiosos”, recoñeceu o presidente insular, que incidiu en que a altura da lava chega até “10 metros e devora as casas” e zonas agrícolas polas que discorre.

Porén, salientou que non están previstas máis evacuacións, por mor de que as predicións indican que as linguas de lava baixan polas zonas nas que a veciñanza xa tivo que abandonar as súas vivendas. Cando menos, reiterou, a erupción “non foi nun núcleo urbano”.

O presidente español, Pedro Sánchez, aterrou o domingo na Palma logo de atrasar a súa viaxe aos Estados Unidos, onde reclamou tranquilidade á cidadanía, explicando que “a súa seguridade está garantida”.

Ademais, foron mobilizados membros da Garda Civil e da Unidade Militar de Emerxencias para colaborar nas tarefas de axuda e na previsión de incendios forestais provocados pola lava.

Fixado un radio de exclusión de 2 km das fisuras para evitar mortes

Até o de agora, a última erupción volcánica terrestre no Estado fora a do volcán Teneguía en 1971, poucos quilómetros ao sur do volcán do Cumio Vello. Daquela, dúas persoas faleceran por inhalación de gases tóxicos por achegarse demasiado á lava. Nesta ocasión, o Instituto Vulcanolóxico de Canarias fixou unha zona de exclusión de 2 km na contorna dos centros de emisións.

O seu director, Nemesio Pérez, apuntou que a erupción podería durar “varias semanas, ou incluso poucos meses”, polo que as autoridades canarias pediron “máxima precaución” e comunicaron que “xa haberá tempo [a ver a lava] cando isto se normalice”, unha vez que se fixeron públicas imaxes de caravanas de vehículos en dirección á zona, entorpecendo as tarefas de evacuación.

comentarios