Aumenta o risco dunha erupción volcánica no sur da illa da Palma

O comezo dunha serie sísmica no sur do territorio da illa canaria da Palma puxo en alerta as autoridades insulares, que están seguindo a situación tras decretar o nivel amarelo de risco na rexión que acumula a maioría dos tremores de terra, unha década despois da erupción na veciña illa do Hierro.
Zona do Cumio Vello, sobre o lugar onde foi detectada unha reserva de magma. (Foto: Europa Press)
photo_camera Zona do Cumio Vello, sobre o lugar onde foi detectada unha reserva de magma. (Foto: Europa Press)

Desde o 11 de setembro, os sismógrafos da illa da Palma (Canarias) rexistraron máis de 4.200 terremotos, a meirande parte deles de pequena intensidade.

Porén, os sismos vanse achegando á superficie e medrando en intensidade, até 31 tiveron unha magnitude superior aos 3 graos na escala de Richter, segundo os datos proporcionados polo Instituto Xeográfico Nacional.

O ascenso do magma -os primeiros tremores de terra foron rexistrados a 20 quilómetros de profundidade e os derradeiros a unha distancia de entre 6 e 8 quilómetros aproximadamente- xerou unha deformación de seis centímetros desde o comezo da serie sísmica -denominada enxame- na superficie dunha zona coñecida como o Cumio Vello, no sur insular.

Isto levou o comité científico do Plan de Prevención de Risco Volcánico en Canarias a decretar a terza feira o nivel amarelo de risco de erupción nesa rexión, o segundo dos catro niveis da escala.

A alerta, ratificada o día seguinte polo comité coa advertencia de que o desenlace pode ser rápido e estar acompañado dun terremoto de maior intensidade, afecta os concellos de Fuencaliente, Los Llanos de Aridane, El Paso e Mazo.

Ao tempo, o Instituto Vulcanolóxico de Canarias reportou que foi localizada unha reserva de magma de 11 millóns de metros cúbicos no interior do Cumio Vello. O presidente do Cabildo da Palma, Mariano Hernández Zapata, recoñeceu a medios estatais que a erupción “é unha das opcións que se poden dar”.

Na tipoloxía sísmica da Palma, o “magma acumúlase nunha zona a cinco quilómetros da codia antes de entrar en erupción”, sostén Luca D’Auria, director da Área de Vixilancia Volcánica do Instituto Vulcanolóxico de Canarias.

Até a erupción submarina de outubro de 2011 na veciña illa do Hierro, a última notificada no Estado fora a de outubro de 1971 no volcán Teneguía, situado poucos quilómetros cara ao sur dos enxames sísmicos actuais.

Comentarios