Entra en erupción o volcán da illa da Palma

Os temblores dos últimos días precipitaran a orde de comezar co desaloxo dalgúns colectivos de persoas. A explosión tivo lugar ás 15.12 horas deste domingo após unha intenta xornada no que se refire aos movementos sísmicos. 

Inicio da erupción na illa da Palma. (Foto: Involcan)
photo_camera Inicio da erupción na illa da Palma. (Foto: Involcan)
Após días nos que a intensa actividade sísmica na zona facía presaxiar a probábel erupción do volcán da illa da Palma, este domingo ás 15.12 horas do domingo comezaba a saír lava da contorna de Cumbre Vieja, concretamente en Cabeza de Vaca, no concello de El Paso.

Segundo as primeiras informacións, o volcán xurdiu nunha zona de monte non habitada, mais xa a primeira hora deste domingo comezaban as labores de desaloxo dalgúns grupos de persoas.

Actuábase de forma preventiva, tamén fechando as rutas de paseo polos montes, pero os avances das autoridades permitiron trasladar ao medio cento de persoas -así o indicou a Televisión Canaria- que tiñan problemas de mobilidade e que estaban localizadas.

En concreto, evacuáronse dos núcleos de Los Llanos, Fuencaliente e El Paso, sendo os seus habitantes enviados a outras zonas con familiares e achegados ou aos recintos feriais de Braña Alta ou El Paso, habilitados para atender á xente. Nese punto traballa a Cruz Vermella facendo as primeiras labores de "triaxe", por se hai veciñas e veciños que precisen ser levados a residencias dependentes do Cabildo ou ao acuartelamento El Fuerte.

Precisamente, o alcalde do Paso aclarou máis tarde que foi preciso sacar da zona afectada a unhas 300 persoas dos asentamentos de El Paraíso e Cabeza de Vaca, pois tamén é un dos puntos máis afectados. Estas cidadás foron enviadas ao estadio municipal.

Sen previsións do tempo que pode durar a erupción

Pola súa banda, o vulcanólogo do Instituto Volcanolóxico de Canarias (Involcan), David Calvo, fixo unhas declaracións á Televisión Canaria para explicar que se trata dunha erupción de tipo estramboliano, igual que a do Teneguía. As dúas bocas eruptivas abertas -que no momento de redactar esta noticia xa ascenderan a sete- na terra están a emitir coladas de lava se ben non se detectan episodios "especialmente explosivos".

Polo de agora, descoñécese cantas horas podería continuar a erupción porque é "totalmente impredecíbel" até que non se teñas as primeiras estimacións de enerxías que liberan as fisuras, se ben as autoridades invitan á poboación a permanecer tranquila.

Até a erupción submarina de outubro de 2011 na veciña illa do Hierro, a última notificada no Estado fora a de outubro de 1971 no volcán Teneguía, situado poucos quilómetros cara ao sur dos enxames sísmicos actuais.

Reaccións políticas

Unha vez pasados os primeiros momentos de tensión por este episodio "histórico", como o cualificou o presidente do Goberno canario, Ángel Víctor Torres, insistiuse en manter a "cala e a preocupación" para evitar danos persoais.

Mentres o presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, cancelaba a súa axenda en Nova York e viaxaba a Canarias, Torres sinalaba que estaba previsto realizar unha reunión do comité director do Plan Especial de Protección Civil e Atención de Emerxencias por risco volcánico no territorio de Canarias (Pevolca) para coordinar as labores de emerxencia dada a situación.

A pesar de que a erupción xurdiu nunha zona sen poboación, no momento de escribir esta Nova puntualizábase que existe "risco" de incendio forestal. Coa ameaza que supón a situación actual, pediu á cidadanía que evite achegarse á zona afectada porque "tempo haberá de achegarse" para gozar desta "festa da natureza".

Comentarios