Casado exixe a Sánchez "romper" co soberanismo

O Palacio da Moncloa acolleu onte a primeira reunión desde a sesión de investidura entre o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o líder do Partido Popular, Pablo Casado. O conservador ofreceuse a chegar a acordos co Executivo estatal en materia orzamentaria e na renovación dos órganos constitucionais, como o Consello Xeral do Poder Xudicial, sempre e cando Sánchez renuncie aos acordos que subscribiu cos partidos nacionalistas e independentistas, non convoque a mesa bilateral entre o Executivo español e o catalán, non suba impostos e manteña a reforma laboral. 
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, co líder da oposición, Pablo Casado, onte, no Palacio da Moncloa (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, co líder da oposición, Pablo Casado, onte, no Palacio da Moncloa (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

Non haberá acordos entre o Partido Popular e o Executivo español se o presidente do Estado, Pedro Sánchez, non renuncia ás políticas sociais que anunciou que levará a cabo e aos acordos que subscribiu coas forzas soberanistas, indispensábeis para levar a maioría das iniciativas do Goberno adiante. "Se Sánchez rompe cos batasunos, os independentistas e os nacionalistas aquí ten o PP para sentar a falar", sinalou o líder da oposición, Pablo Casado, ao concluír a súa reunión de onte na Moncloa con Sánchez. 

Foi esta a primeira xuntanza entre ambos os dous políticos desde que tivo lugar a sesión de investidura no Congreso dos Deputados no mes de xaneiro. O anterior encontro decorrera o pasado 16 de decembro no marco da ronda de contactos que o líder do Partido Socialista abriu após recibir o encargo do rei Filipe VI para formar Goberno. 

O líder da oposición tamén pediu ao presidente do Goberno que imprima un xiro radical a algunhas das primeiras decisións que tomou

Casado ofreceuse onte a Sánchez para garantir a estabilidade nas contas a través dun pacto co PP para os próximos Orzamentos Xerais do Estado, sob a condición de romper o diálogo e os acordos que o PSOE alcanzou co soberanismo para a investidura e de renunciar á mesa de diálogo bilateral entre o Goberno central e a Generalitat de Catalunya para a resolución do conflito político nesa nación.

Desbotar a intención de reformar o delito de sedición no Código penal, anunciada nas pasadas semanas polo executivo, é o terceiro requirimento que Casado formulou onte a Sánchez para poderen acordar os Orzamentos.

O líder da oposición tamén pediu ao presidente do Goberno que imprima un xiro radical a algunhas das primeiras decisións que tomou. Nese sentido, reclamou a Sánchez que non nomee a ex ministra de Xustiza, Dolores Delgado, como fiscala xeral do Estado ao considerar o PP que "non reúne os requisitos" mínimos para ostentar tal cargo. En materia de política exterior, Casado tamén exixiu a Sánchez que volte a referirse a Juan Guiadó como "presidente lexítimo de Venezuela", após a semana pasada no pleno denominalo "líder da oposición". Con todo, a Moncloa xa reiterou que o Goberno segue considerando Guaidó "presidente encargado" de Venezuela. 

Manter a reforma laboral

O mantemento da reforma laboral que en 2012 aprobou o Goberno de Mariano Raxoi foi tamén unha das condicións que Casado expuxo a Sánchez para poder chegar a acordos, xunto a unha renuncia a subir impostos. Tamén demandou do presidente un compromiso para non descentralizar a caixa da Seguridade Social, ante a posibilidade de que isto se produza como consecuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado coas forzas vascas.  

Casado amosouse disposto a chegar a un acordo co PSOE no financiamento autonómico se antes Pedro Sánchez "entrega o IVE (adebedado) ás comunidades autónomas". Así mesmo, pediu a Sánchez que negocie duramente en Bruxelas en defensa dos intereses do sector agrícola. 
"Compromiso por España" titulou o popular o paquete que aglutina todas as medidas que pediu a Sánchez e no que económicas son "un capítulo fundamental", aseverou. 

Unha "mutación", engadiu Casado, foi a que se produciu no Partido Socialista, e emprazouno a "votar á moderación e a centralidade". "Aí se atopará co PP"; aseverou para rematar asegurando que "a pelota está no tellado de Sánchez". 

O Goberno ve Pablo Casado "instalado no bloqueo"

Ao rematar a xuntanza, Pablo Casado ofreceu unha rolda de prensa aos medios. Mais antes de que comparecese o conservador, a Moncloa adiantouse para informar de que a reunión servira para constatar que a formación conservadora "non variara ningunha das súas posicións, a pesar da súa responsabilidade como principal partido da oposición".

Así mesmo, tamén se sinalou que, pese á posición de Casado, Sánchez mantén o seu compromiso de que esta sexa "a lexislatura do diálogo" entre as forzas políticas para desbloquear asuntos tan importantes para a cidadanía como "o financiamento autonómico, o Pacto de Toledo sobre as pensións, ou a renovación de postos en organismos de gran transcendencia”, engadiu o Goberno no seu breve comunicado.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

Comentarios