Marrocos recibirá máis de 500 millóns de euros para impedir a inmigración á Unión Europea
No marco dos convenios de cooperación en política migratoria asinados por Marrocos e a Unión Europea, o país do norte de África recibirá máis de 500 millóns de euros para frear a "inmigración irregular".
Trátase do paquete de axudas máis grande que recibe Marrocos desde que mantén estes acordos de colaboración con Bruxelas.
En concreto, os 500 millóns de euros cubrirán o período comprendido entre 2021 e 2027, e supoñen 50% máis que a contía destinada pola UE a Marrocos no anterior convenio de cooperación, cando alcanzou os 343 millóns de euros.
O anuncio desta axuda a Marrocos chega cando Bruxelas está a endurecer as súas políticas en materia de inmigración. Neste sentido, a Unión Europea aposta por reforzar a colaboración entre as axencias de intelixencia dos Estados membros e Marrocos, así como por aumentar os dispositivos policiais destinados a controlar os fluxos migratorios.
Política migratoria de Marrocos
O pasado 24 de xuño tivo lugar o último escándalo en materia migratoria por parte de Marrocos e o Estado español, cando axentes da policía marroquí asasinaron 37 persoas que intentaban cruzar o valado de Melilla para acceder a solo español.
No masacre, que tamén deixou centos de persoas feridas de gravidade, obtivéronse varias imaxes e gravacións que deron mostra do trato lesivo dos corpos e forzas de seguridade de Marrocos coas persoas migrantes. Unha actuación policial que foi defendida polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, poucos días despois de ter sucedido.
Aliás, o réxime de Mohamed VI tamén foi acusado de soterrar en fosas comúns, sen a realización de autopsia, as persoas asasinadas no intento do salto ao valado de Melilla.
A Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) compartiu nas súas redes sociais imaxes que confirmaban como as autoridades de Marrocos enviaran varios traballadores á cidade de Nador para cavar estas fosas comúns.