O BNG defende a democracia ante a ultradereita de Vox

Néstor Rego anunciou que o BNG, en defensa da democracia e do pluralismo, posicionarase en contra da moción de censura que presenta a ultradereita de Vox. Rego pediu respecto para as posicións que defende o BNG e o dereito á autodeterminación das nacións dentro do Estado, como é o caso da Galiza.
Néstor Rego esta semana no Congreso das Deputadas
photo_camera Néstor Rego anunciou o voto en contra á moción da ultradereita desde o Congreso (Foto: E. Parra / Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou o 'non' da súa formación á moción de censura que esta cuarta feira, 21 de outubro, presentará Vox na Cámara Baixa.

“O voto do BNG hai que interpretalo como un voto de afirmación democrática”, dixo Rego, advertindo que "a finalidade da moción é puramente partidista co obxectivo de lanzar un opa hostil ao PP” e alertou de que a ultradereita pretende, a través desa iniciativa, divulgar e dar unha maior difusión a unha ideoloxía de odio e excluínte.

O deputado lembrou que hai un mes Vox presentou unha proposición  para ilegalizar o BNG e demais forzas soberanistas. Vox, enfatizou Rego, son favorábeis á supresión das autonomías e dos seus parlamentos, así como da Televisión da Galiza. Aliás, o deputado reclamou respecto para a posición que defende o BNG e o dereito á autodeterminación da Galiza.

Comentarios