Bloqueados os Balcáns, ábrense novos roteiros de refuxiad@s

Fechadas as fronteiras de Austria, Eslovenia, Croacia, Serbia e Macedonia, as mafias ofrecen alternativas de viaxe para as persoas refuxiadas.

toscaross
photo_camera Exército de Macedonia amplía valado próximo ao río Suva [@toscaross]

Por volta de 40 mil persoas fican bloqueadas en territorio grego procedentes na súa maior parte de Siria, Iraq e Afganistán. Após o fechamento do denominado 'roteiro dos Balcáns' coas fronteiras de Austria, Eslovenia, Croacia, Serbia e Macedonia bloqueadas, as mafias comezan a ofrecer novos pasos cara o centro de Europa. As alternativas que se abren son, no entanto, tan perigosas ou máis como cruzar o Mediterráneo. 

E é que, embora a UE asegura estar a loitar contra o tráfico de persoas, cada vez que un dos Estados membros bloquea o paso, as mafias ven novos nichos de negocio, segundo sinalan xornalista deslocados en Grecia, como Alberto Sicilia

As mafias ofrecen cruzar as montañas cara Albania ou mesmo cruzar o Mediterráneo desde Grecia até Italia

Só en Idomeni, na fronteira grego-macedonia, 12 mil persoas agardan en condicións inhumanas que as autoridades da antiga República Yugoslava de Macedonia autoricen o paso algo que semella non vai acontecer. Entretanto, unha columna dunhas 2 mil persoas cruzaron o río Suva fartas de agardar no lameiro de Idomeni. O exército freou o seu avanzo e a policía macedonia detivo por volta de 40 xornalistas e fotoxornalistas que acompañaban a columna baixo a acusación de entrar de maneira ilegal no territorio. Segundo recolleu Naiz aquelas persoas que sexan cidadás da UE terán que pagar unha multa de 250 euros e serán postas en liberdade. Entretanto, as persoas refuxiadas poderían ser devoltas a Grecia. 

Oito persoas desaparecidas nun novo naufraxio perto da illa grega de Kos

Perante esta realidade, ábrense novas posibilidades. As mafias ofrecen xa en Grecia novos pacotes de viaxe que pasan por cruzar as montañas cara Albania e, desde alí, en embarcación a Italia ou mesmo cruzar desde a costa grega até Italia polo Mediterráneo. 

Pola súa banda, o goberno grego está a distribuír en Idomeni documentos informativos nos que insta a abandonar o campo para seren reubicadas noutras zonas de Grecia. Até o de agora ese deslocamento é voluntario mais podería aveciñarse unha evacuación. 

Entrementres, ás illas gregas procedentes de Turquía continúan a chegar embarcacións. Na xornada de onte (14 de marzo) máis un naufraxio deixou 8 persoas desaparecidas perto de Kos, un dos puntos de chegada. 

Negociacións con Turquía

Pola súa banda, a Unión Europea reanudará as negociacións con Ankara o 17 de marzo após a proposta formulada polo primeiro ministro turco na que se prevé a deportación colectiva de refuxiad@s a Turquía e a fixación dun novo criterio de admisión, por cada persoa siria que conte con asilo en Turquía, Ankara deberá acoller unha persoa procedente solicitante que actualmente se atope en Grecia. 

Madrid di que é "inaceptábel" a proposta de Ankara por mor das deportacións colectivas 

O acordo vulnera o Estatuto do Refuxiado asinado na Convención de Xenebra en 1951 e espertou críticas entre algúns gobernos comunitarios, entre eles o español. Nun comunicado de imprensa Madrid asegura que non apoiará as deportacións colectivas a Turquía por ser "inaceptábel". Neste senso, defenden que sexan retornadas aquelas ás que lles fose denegado o asilo e tivesen oportunidade de recorrer a decisión, como prevén a Convención. 

Así as cousas, o executivo español defende o carácter "seguro" de Turquía porque se "comprometeu a ofrecer garantías equivalentes" ao Primeiro Protocolo de Xenebra malia non o ter asinado. Aliás, apoian o criterio dunha persoa siria procedente de Turquía por cada unha que sexa deportada desde Grecia e o estabelecemento de reubicación prioritaria daquelas persoas que solicitaran legalmente entrar no territorio da UE. 

Na Galiza, BNG, AGE, PSdeG e Cerna solicitaron a convocatoria da comisión non permanente de asuntos europeos sobre persoas refuxiadas. Rexeitan a sinatura do acordo con Turquía. 

Comentarios