PARTIDOS DE EXTREMA DEREITA AUMENTAN A SúA PRESENZA INSTITUCIONAL

O racismo e a xenofobia avanzan politicamente en Europa

As consecuencias sociais da crise económica xunto co discurso do 'terrorismo internacional' e a vaga de persoas refuxiadas está a facer emerxer o racismo e a xenofobia na política europea. 

Islamofobia en Suíza
photo_camera Campaña contra os minaretes en Suíza no marco dun referendo popular

O suceso electoral obtido pola formación de extrema-dereita Alternativa para Alemaña (AfD) nas eleccións aos länder súmase ao crecente ascenso experimentado por partidos xenófobos no centro e leste de Europa durante os últimos anos. 

No cerne da cuestión sitúanse as consecuencias sociais da crise económica, o empobrecemento popular e o desemprego masivo, combinadas co discurso do medo a respeito do 'terrorismo internacional' e a maré de persoas que están a chegar a territorio europeo fuxindo dos conflitos na Siria, Iraq e Afganistán, entre outros lugares. 

As consecuencias da crise mesturadas co discurso do medo ao 'terrorismo internacional' e as persoas refuxiadas xeran o caldo de cultivo destas formacións ultra-dereitistas

Neste contexto están a emerxer forzas neofascistas e xenófobas que sitúan a migración como responsábel dos problemas en materia de emprego, servizos sociais e mesmo de dereitos da poboación local nun concepto que a doutora en Socioloxía da Universidade da Coruña e especialista en migracións, Belén Fernández, explica como "chauvinismo do benestar", é dicir, a crenza de que "a chegada de migrantes merma as condicións de vida". 

Así pois desde 2013 os sucesivos procesos electorais decorridos nos estados membros da Unión Europea evidencian o incremento do apoio popular a estas forzas. 


Franza. A Fronte Nacional liderada por Marine Le Pen alcanzou nas eleccións departamentais de 2015 o 27,6% dos sufraxios mentres que apenas obtiña o 9% en 2010. 

De igual maneira, nas locais dese ano en Italia a Liga Norte situouse como a primeira forza do centro-dereita. 

Suíza. Nas lexislativas de 2014 o Partido Popular Suízo - Unión Democrática de Centro (UVP-UDC) obtivo o 28% dos votos. A campaña electoral estivo marcada polo discurso anti-inmigración e polo referendo popular co que a confederación helvética fixou restricións de acceso á poboación extranxeira. 

Austria. Nas eleccións xerais de 2013 gañou o Partido da liberdade austríaco, o FPÖ, (20,5%) aumentando o 4% dos apoios que obtivera nos comicios de 2008. En 2015 nas eleccións rexionais volveu incrementar en número de apoios recompilando o 31% dos sufraxios. Este país foi un dos territorios de paso da vaga de persoas refuxiadas que tentaban chegar a Alemaña. O goberno austríaco está a ser un dos máis críticos coa política migratoria comunitaria e, de facto, impuxo controis fronteirizos nos límites con Hungría, Italia e Eslovenia para dificultar ou directamente impedir o acceso. Entre eles o levantamento dun valado de arame de espiño. 

O 'chauvinismo do benestar' permite que as mensaxes destas formacións callen entre a poboación, é dicir, a crenza de que a chegada de migrantes merma as condicións de vida 

Holanda. O Partido da liberdade holandés obtivo nas europeas de 2014 o 13.3% dos sufraxios. O seu líder Geert Wilders promove a saída do país da UE e do euro mais tamén a prohibición do Corán e do burka en Holanda após considerar o Islam unha "ideoloxía violenta" razón pola que foi procesado xudicialmente e absolto. En 2014 volveu pasar polos xulgados ao instar a poboación holandesa a "limpar" o país "de marroquís". 

Dinamarca. O ultradereitista Partido Popular Danés foi a forza política gañadora nas eleccións ao Parlamento europeo de 2014 co 26,6% dos sufraxios. O seu ascenso electoral confirmouse nas lexislativas de 2015 situándose como segunda forza (21%). 

A tendencia mantense en Noruega e Finlandia onde a ultradereita goberna en coligazón con forzas de centro-dereita. Tanto o Partido de Progreso noruegués como Verdadeiros fineses foron segunda forza nas eleccións lexislativas de 2015. 

Suecia. Demócratas suecos, o resultado da fusión de distintos partidos neonazis en 1988 foron terceira forza (12,8%) nas lexislativas de 2014. Trátase dunha formación xenófoba que no 2015 anunciou o despregamento dunha campaña publicitaria na imprensa de Xordania, Líbano e Turquía para "disuadir" da solicitude de asilo. Así mesmo exixen que se estabelezan maiores controis fronteirizos e un referendo popular sobre inmigración. 

Tamén no leste de Europa se reproduce a tendencia de ascenso da ultradereita. Hungría, Romanía, Eslovaquia, Polonia --o PiS obtivo maioría absoluta nos comicios de 2015-- e Bulgaria tamén experimentan o aumento do apoio popular a formacións xenófobas. Eis o exemplo de Viktor Orban. O primeiro ministro húngaro liderou o discurso anti-inmigración no seo da UE e vén de anunciar un referendo sobre o acollemento de persoas refuxiadas lanzando un pulso ás propias autoridades comunitarias que se comprometeran a aprobar cotas de reparto entre os distintos estados. 

Comentarios