Beatriz Talegón (PSOE) di que a vitoria de Rajoy en 2011 é culpa do 15-M

A secretaria xeral da 'Unión Internacional de Jóvenes Socialistas', que non descarta presentarse para as primarias do partido español, arremete con dureza contra este movemento ao que acusa de ser un títere da dereita, responsabilizándoo "de lle pórr en bandexa o poder ao capital e ao sistema neoliberal"

photo_camera Beatriz Talegón [Imaxe: PSOE]


"Eu non son moi amiga das teorías conspiratorias, mais xa hai quen di con forza que detrás do 15-M está a dereita". Díxoo a secretaria xeral da 'Unión Internacional de Jóvenes Socialistas', Beatriz Talegón, nunha entrevista concedida hai uns meses a unha cadea de radio arxentina e que as redes sociais se encargaron de traer até a actualidade esta fin de semana facendo circular un vídeo coa gravación de Radio Hache. 

Talegón, que amaga con se presentar ás primarias do PSOE, analiza nesta conversa o panorama político no Estado español e arremete contra o movemento indignado ao acusalo de ser responsábel "de lle pór en bandexa o poder ao capital e ao sistema neoliberal". Di que ela propia fixo parte das asembleias que se convocaron nas prazas en 2011. Malia recoñecer que "non lles falta razón no que din" quéixase de que o berro sexa "contra todo" e acrecenta que o 15-M "moveu a xente a non votar abrindo a porta á dereita a que arrase con todos os dereitos sociais conquistados".

Unha das proclamas deste movemento era a modificación da lei electoral e do sistema D'Hont para evitar o bipartidismo PP-PSOE. A respecto desta cuestión Talegón non di nada. Limítase a subliñar que "algúns xa o diciamos daquela" (en referencia ás primeiras asembleias do 15-M) e "eu xa vía cousas que me preocupaban", proclama a lexitimidade dos "actores sociais que son os partidos políticos" e insiste en que foi a dereita quen "manexou" o descontento da cidadanía concentrada nas prazas para a convencer de que a solución era non ir votar. 

"Iso é poñer o poder en bandexa aos grupos de dereitas máis radicais ou de gobernos tecnócratas, como aconteceu en Grecia", comenta Talegón, fuxindo de calquera crítica ao seu partido, o PSOE, malia que o 15-M chamou tamén a depositar na urna a pepeleta das forzas políticas de esquerdas que non fosen a formación que daquela estaba aínda no Goberno español.

Comentarios