mércores 19/05/21

Ataques a Pablo Casado nas redes polo seu balance sobre a xestión de Sánchez no 2020

A comunidade de Twitter leva ao líder do PP a ser tema do momento ao acusalo de non facer ningunha achega e dedicarse únicamente a criticar o que fixo o Goberno do estado español neste ano de pandemia.
Comparecencia de Pablo Casado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Comparecencia de Pablo Casado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O PP, con Pablo Casado á fronte, contraprogramou ao presidente do Goberno do estado español, Pedro Sánchez, para facer o seu balance do ano e as redes sociais responderon con urxencia aos argumentos do líder popular.

Sen louvar o traballo do equipo de Sánchez, a comunidade de Twitter levou o nome de Pablo Casado a ser trending topic ou tema do momento polas súas consideracións da xestión política deste ano e polas súas achegas ou a falta das mesmas. Na súa intervención pública comparou ao Estado cunha “república bananera”. Tamén denunciou a “arrogancia” e a “mentira” que caracteriza, ao seu parecer, ao “peor Goberno da democracia”.

Se a Casado non lle daban as contas das vítimas da Covid-19 no Estado que se fixeron públicas, a xente respondíalle que quizais faltaban os números que supostamente tentou tapar a Comunidade de Madrid, gobernada polo Partido Popular. De feito, hai quen viu ataques directos a Isabel Díaz Ayuso.

En paralelo ás palabras do político, algún que outro usuario opinaba que “a maior desgraza que temos, ademais da pandemia é unha oposición liderada por un inepto, envexoso chamado Pablo Casado”.

Polémica sobre a Lei de Educación

“Anuncia comisión de seguimento dos fondos europeos que chegarán a España para paliar os efectos da pandemia. E anuncia a súa achega: non pasará nin unha. Pablo Casado ou a sen substancia en estado puro”, reflexionaba outra persoa.

Se ben é certo que tamén tivo algún mensaxe de apoio, gañaron en cantidade as críticas como “existen catro dereitas no mundo: a liberal, a conservadora, a extrema dereita, a española... e Pablo Casado”.

Outra usuaria pedíalle que asumise “que perdeu cinco eleccións nun ano, dúas delas xerais” e, igualmente, xurdiron ataques a que condicionase o seu apoio a unha lei a “reforzar a monarquía” e non modificar a Constitución.

“Resulta gracioso escoitar a Pablo Casado criticar que a nova Lei de Educación permita pasar de curso con materias suspendidas”, engadían á conversa nun tuit. A esta mensaxe respondía outra conta: “O di ao que lle pasaron 17 materias pola cara e lle regalaron un máster”. En medio do debate co nome do representante do PP como cancelo houbo até quen meteu a Galiza: “Pablo Casado vai camiño de ser máis irrelevante que Podemos na Galiza”.

Ataques a Pablo Casado nas redes polo seu balance sobre a xestión de Sánchez no 2020
comentarios