sábado 28/11/20

As hospitalizacións soben en Madrid mentres Ayuso notifica menos contaxios

Madrid pasa de epicentro da pandemia a ser colocada como exemplo contra a Covid-19, e todo sen parar sectores como a hostalaría nin fechar a rexión. Mais alén da redución do número de contaxios que notifica a Administración de Ayuso, o que continúan a aumentar son os ingresos hospitalarios. Os milagres non existen. 
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, na presentación dunha campaña de concienciación sobre o virus (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, na presentación dunha campaña de concienciación sobre o virus (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os milagres non existen e tampouco parece que estean a acontecer na Comunidade de Madrid, por moito que a súa presidenta, a popular Isabel Díaz Ayuso, creza de novo abrazada a unha curva de contaxios de coronavirus que reduce á metade. De feito, esta segunda feira, 16 de novembro, levantouse o confinamento perimetral en até 10 zonas básicas de saúde da rexión, a cal tampouco está fechada.

Sobre estas 10 zonas o Boletín da Comunidade de Madrid sinala que se observa “unha redución consolidada de 50% ou máis da incidencia acumulada a 14 días, así como unha marcada tendencia descendente” dos contaxios por coronavirus.

Mais como é posíbel que Madrid pasase de ser epicentro da pandemia en Europa a colocarse practicamente como exemplo da redución de contaxios, tendo as medidas máis laxas do Estado, sen confinamento perimetral e con toda a hostalaría sen fechar?

Dous factores cobran relevancia a este respecto: por unha banda os tests de antíxenos que está a priorizar o Goberno de Ayuso e por outra o feito de que se computen os contaxios detectados -á baixa- mais non se atenda a outros indicadores que seguen a medrar, como é o aumento constante de persoas hospitalizadas. 

Así, fronte a unha redución da incidencia acumulada de 813 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, esta segunda feira computábanse 284, mais ante os 20 falecementos da sexta feira, esta segunda feira notificáronse 25 novas mortes, cinco máis. 

Se 1.945 eran os novos ingresos hospitalarios comunicados o sábado, o domingo foron 2.033 e 2.088 na segunda feira, até 143 máis que dous días antes. Tamén se superou a barreira da sexta feira a respecto dos ingresos en unidades UCI, daquela foron 403, mentres que o domingo se rexistraron 411 novos ingresos e esta segunda feira 406.

Isto deixa unha taxa de ocupación de UCI superior a 34% (as recomendacións estabelecen o limiar de risco ao chegar a 25%).

Estas cifras deixan un número total de positivos na Comunidade de Madrid de 339.913 desde que comezou a pandemia. e os centros hospitalarios da rexión rexistran xa 12.053 persoas falecidas, ademais das 4.936 que morreron en centros sociosanitarios, 1.125 en domicilios e 30 "noutros lugares", segundo o parte actualizado na tarde desta segunda feira pola comunidade madrileña.

En canto aos tests de antíxenos o viceconselleiro de Saúde Pública do Executivo de Díaz Ayuso, Antonio Zapatero, pon estas probas como unhas das chaves principais da redución de contaxios. Xa son máis de 700.000 as probas realizadas na rexión, destacou Zapatero. Con todo, a polémica está servida: por unha banda sinálase que aínda que se xeneralicen os tests de antíxenos non se están facendo probas a contactos estreitos de positivos e ademais, alértase de que estes tests poden  non detectar positivos que teñan baixa carga vírica, o que explicaría a baixada de notificación de contaxios polas autoridades. 

Con todo, científicos afastados das medidas de Ayuso, como Oriol Mitjà, que asesora a Generalitat de Catalunya fronte a Covid-19, consideran importantes os tests de antíxenos porque a súa rapidez permite postas en corentena case ao momento -os tests dan o resultado en 15 minutos- e afirman que os positivos que non se detectan pola súa baixa carga viral son pouco contaxiadores. 

A presidenta madrileña enxalza as súas medidas

"Sufrimos moito pero estamos a levantarnos", dixo a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, en referencia á caída de contaxios notificada pola súa Administración. Así se expresou ante un féretro de atrezzo no marco da presentación dunha "moi dura" campaña de publicidade para "concienciar sobre o coronavirus". 

"Non é casualidade", dixo Ayuso, que "cada vez se fale máis na prensa estranxeira da rebaixa de contaxios e falecementos" de Madrid. A nova campaña emula os anuncios tradicionais da Dirección Xeral de Tráfico e amosan como o salto de normas acaba en mortes. A presidenta explicou ademais que haberá unha subcampaña dirixida á xente máis nova cun despregue dun "marketing espectacular e de grandes dimensións". 

comentarios