sábado 11.07.2020

Arde o Goberno de Madrid ante as 6.000 mortes en residencias

A Comunidade de Madrid superou xa as 6.000 mortes de persoas maiores usuarias de residencias, unha cifra que afoga a xestión do Goberno rexional. Esta sexta, 5 de xuño, estoupou un novo escándalo, ao coñecérense correos internos que alertaban do perigo de manter positivos en residencias en lugar de hospitalizalos. 
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o vicepresidente Ignacio Aguado (Imaxe: Europa Press)
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o vicepresidente Ignacio Aguado (Imaxe: Europa Press)

A xestión das residencias de maiores e de discapacidade durante a crise da COVID-19 na Comunidade de Madrid, con máis de 6.000 mortes nestes centros, sitúa no precipicio e sen corda o Goberno presidido pola popular Isabel Díaz Ayuso. 

A comezos da semana, o conselleiro de Política Social, Alberto Reyero, membro de Ciudadanos mais cualificado como "un verso libre", afirmaba  na Asemblea de Madrid que non era "ético e posibelmente non for legal” non proporcionar atención médica ás persoas maiores usuarias de residencias.

O lume foi a máis cando esta sexta feira, 5 de xuño, o xornal El País deu conta duns correos electrónicos que Reyero dirixiu ao conselleiro de Sanidade da Comunidade, Enrique Ruiz Escudero (PP), advertindo das consecuencias de non trasladar todas as persoas anciás de residencias a hospitais. Dous deses correos datan, segundo di o rotativo, do 22 de marzo.

Neles, Reyero pide a Escudero axuda, porque do contrario, di, podería pasar que "moitos residentes falecesen de forma indigna”. Reyero tamén sinalou nesas comunicacións que negar axuda a persoas de residencias de discapacidade, tiveren a idade que tiveren, suporía incorrer nunha "discriminación de graves consecuencias legais".

Os correos do titular de Política Social terían sido escritos após este coñecer ese mesmo 22 de marzo un protocolo da Consellaría de Sanidade para que un total de 22 centros hospitalarios da Comunidade seleccionase a que maiores usuarias de residencias atender e a cales non, para "evitar o colapso".

O documento sinalaba para deixar sen atención as residentes con grao tres de dependencia e persoas de con discapacidade procedentes de centros especiais, segundo sinalou o rotativo español. 


Sobre o protocolo pronunciouse esta sexta Escudero nunha entrevista radiofónica, tratando de argumentar que o Goberno traballou "con seis borradores até ter o documento definitivo, que foi o do 25 de marzo" e reiterou que "fora un erro enviar ese borrador" ao non ter o criterio das e dos xeriatras. Os correos de Reyero terían sido ignorados polo Goberno de coalición do PP e Ciudadanos.

26 residentes positivos na Galiza están sen hospitalizar

Na Galiza entidades como a Sociedade Galega de Xerontoloxía, a asociación de usuarias de residencias e familiares REDE e o Bloque Nacionalista Galego exixiron á Xunta da Galiza que non houbese maiores positivos en residencias, pedindo que fosen trasladadas a hospitais. Esta sexta feira, 26 casos activos seguían en residencias. 

comentarios