Casado fecha a posibilidade de pactos con Sánchez e coloca Albiol á fronte dos alcaldes

O líder do PP, Pablo Casado, contesta na dirección do partido os eixos defendidos nos últimos días por Cayetana Álvarez de Toledo. 
Ana Pastor, Cuca Gamarra e Martínez-Almeida, xunto a Pablo Casado, en Madrid (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Ana Pastor, Cuca Gamarra e Martínez-Almeida, xunto a Pablo Casado, en Madrid (Imaxe: Europa Press / Ricardo Rubio)

"Grazas por todo, Cayetana, esta será sempre a túa casa e podes contar comigo para o que queiras". Con estas palabras dirixiuse o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, a Cayetana Álvarez de Toledo durante a xunta da Directiva Nacional do PP esta quinta feira, 20 de agosto, logo de que na segunda Casado a substituíra como portavoz do grupo no Congreso. O líder da oposición puxo no seu lugar Cuca Gamarra (de procedencia marianista e avalista no anterior Congreso de Soraya Sáenz de Santamaría para liderar o PP).  

Casado reivindicou as substitucións dentro do equipo porque o partido debe ter a "porta ancha" e ser a "casa común" do centro dereita. A Directiva Nacional do PP ratificou os novos nomeamentos dentro da cúpula por unanimidade. A portavoz destituída, De Toledo, asistiu á reunión (que foi telemática) na súa condición de deputada, mais non pediu a palabra.

O presidente do PP, durante a súa intervención, foi replicando as posicións disidentes que De Toledo defendeu nos últimos días. Así, Casado pediu fechar filas na defensa do rei, logo de que a ex portavoz popular no Congreso criticase a fuxida do emérito do Estado español. Casado tamén rexeitou que o seu partido teña que formar parte da "gobernabilidade de Pedro Sánchez" e reivindicou que son a "alternativa", negando así que poidan ser "muleta" no Executivo. Desta maneira, Casado quitou de enriba da mesa a posibilidade de pactar os Orzamentos Xerais do Estado. Así respondeu a De Toledo, quen expresou nunha entrevista a idoneidade de estudar un Goberno "de concentración". "Ninguén aspira aquí a ser ministro de Pedro Sánchez".

Con todo, a táctica de apostar por unha comunicación máis moderada coa substitución de De Toledo contrasta coa designación na Directiva do rexedor de Badalona (Catalunya), García Albiol, como presidente do comité de alcaldes do PP. Trátase dun posto novo creado para el. Albiol, recoñecido polas súas expresións xenófobas, foi mesmo sinalando en 2018 no informe da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia polas súas manifestacións racistas, vinculando o mundo musulmán co terrorismo e as persoas romanesas e xitanas coa delincuencia. 
 
Ayuso esquiva a folga

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e o presidente galego, Núñez Feixoo, gabaron os cambios no PP e amosáronse preocupados polo inicio do curso escolar, exixindo ao Goberno español realizar "canto antes" a conferencia de Presidencias. Con todo, non se posicionaron nin o primeiro sobre as protestas da comunidade educativa contra o protocolo da Xunta no ensino nin a segunda sobre a folga convocada nas aulas de Madrid. 

Comentarios