mércores 28/10/20

Casado: “A Felipe VI votárono os españois; a Iglesias e Garzón, non”

O líder do PP acusa Pedro Sánchez de "covarde".
O presidente do PP, Pablo Casado (David Mudarra).
O presidente do PP, Pablo Casado (Foto: David Mudarra).

O líder do PP, Pablo Casado, dixo esta segunda feira que o silencio do presidente español, Pedro Sánchez, ante os "ataques" ao rei amosaba "unha complicidade absoluta e unha profunda covardía".

Subliñou que Sánchez leva tres días "desaparecido" en lugar de "dar a cara" e defender o monarca español.

"Sánchez non defendeu o rei de España durante 3 días, é dicir, a todos os españois que votaron hai 40 anos para que a forma de estado fose a monarquía parlamentar e, hai 6 anos, que Felipe VI a encarnase. É un recordatorio para o señor Garzón e o señor Iglesias, aos que os españois non votaron para estar no Goberno", dixo Casado.

Nunha entrevista con Onda Cero, Casado pediu a Sánchez que defenda publicamente o rei e a “unidade nacional”, ao tempo que asegurou que os que queiran unha república no Estado español deberían levar ao Parlamento unha reforma da Constitución para a que, afirma, son conscientes de que non teñen o apoio parlamentar suficiente e están a tentar "facer atallos" "claramente ilegais e covardes", como "este espectáculo contra o rei".

Casado criticou duramente a Sánchez por estar "desaparecido" e non dicir "nada" ante estes "ataques" contra o liderado do Estado. "Amosa absoluta complicidade con estes ataques, xa que non os nega, pero tamén unha fonda covardía porque tenta que o seu propio electorado non censure o que está a facer, que é poñerse de acordo cos que queren destruír a unidade nacional", subliñou.

comentarios