Análise

A quenda de Taiwán?

Xulio Ríos, director do Observatorio da Política Chinesa e autor de 'Taiwán, el problema de China' (Catarata) e 'Taiwán, una crisis en gestación' (Popular), analiza para 'Nós Diario' a escalada das tensións cos EUA.
A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, recibiu esta cuarta feira unha alta distinción do Executivo taiwanés por parte da súa presidenta, Tsai Ing-wen. (Goberno de Taiwan)
photo_camera A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, recibiu esta cuarta feira unha alta distinción do Executivo taiwanés por parte da súa presidenta, Tsai Ing-wen. (Goberno de Taiwan)

A visita de Nancy Pelosi a Taipéi pode marcar un punto de inflexión significativo nas dinámicas do problema de Taiwán, o máis sensible nas relacións China-EUA. De entrada, ten potencial abondo para sinalar a que sería a cuarta crise do Estreito tralas de 1954, 58, e 95-97. No actual contexto, podemos prepararnos para unha secuencia de iniciativas que por parte da China irán mais aló das importantes manobras militares anunciadas ata o domingo, as sancións a determinadas organizacións ou a afectación de determinados intercambios económicos con Taipéi.

No maxín, convén ter presente como referencia o acontecido en Hong Kong na crise de 2019. Non cabe esperar, pois, accións militares directas de envergadura, pero si a adopción de medidas de alcance político que reforcen a soberanía de facto sobre o territorio en disputa, entre elas, unha lei de unificación, poñamos por caso, que complemente significativamente a lei antisecesión aprobada en 2005.

A China é perfectamente consciente de que a visita de Pelosi, mais aló das circunstancias persoais que poden explicala e que explicitan os matices expresados pola propia Casa Branca ou o exército estadounidense a respecto do timing, enmárcase nesa dinámica de intensificación dos vínculos entre Washington e Taipéi que afectan ao político, económico, tecnolóxico, militar, etc.

Pero Pelosi deixa Taiwán camiño de Washington onde non se espera que na Cámara de Representantes que preside impulse ningunha medida rupturista de apoio á illa. E Taiwán fica onde estaba, a escasos quilómetros de China continental, que detén vantaxes comparativas no estratéxico de gran valor en caso de conflito.

E, sobre todo, en caso de que os EUA queiran se involucrar de forma directa nunha hipotética guerra que ben podería desencadearse nesta década para representar, de forma brutal, a pugna definitiva polo tránsito da actual hexemonía unilateral a unha orde multipolar.

Para os EUA, o episodio brinda unha oportunidade para presentar ante a opinión pública unha China ameazante para a estabilidade rexional, un perigo para a pervivencia da orde liberal e tamén para escenificar o seu compromiso coas democracias fronte ás ditaduras. Ese poleiro moral e esa inestabilidade servirían de argumento para avanzar a marchas forzadas –como xa están facendo– para asentar o AUKUS, o QUAD, alargar a OTAN cara a rexión, nun intento desesperado por fender a emerxencia da China e acoutar o alcance do xiísmo, a estratexia que de cara a 2049 debe dar cumprida conta do soño chinés.

Imperan os intereses

Taiwán, pola súa banda, cun goberno que di apostar polo statu quo pero aplica a táctica do salami para irse afastando pouco a pouco do continente co aval de Washington e Tokio e outros países occidentais, pode acabar pagando, como Ucraína, os pratos rotos desa implicación activa na reedición da guerra fría que ansían nos EUA.

Certo que nunca tivo tanto apoio exterior a pesar da mingua do recoñecemento diplomático, pero xogalo todo a contar con que os EUA se impliquen directamente nunha guerra contra China e ao seu lado é, simplemente, temerario, e ignora as leccións da súa propia historia recente, cando Washington deixou na cuneta a Chiang Kai-shek, aínda en vida de Mao. Os principios son os principios pero o que imperan son os intereses.

Cabe esperar que China manteña a "paciencia estratéxica" e siga os sabios consellos de Sun Tzi. As súas prioridades deben seguir sendo a estabilidade e o desenvolvemento. Unha guerra por Taiwán sería un risco excesivo e podería desembocar nun desastre que afectaría ao seu proceso de emerxencia.

A maior garantía de futuro é afirmar a súa soberanía económica a nivel global e conformar a partir dela esa orde alternativa. En relación a Taiwán, debe seguir aplicando a acupuntura política para reverter as actuais hexemonías na illa, moi dividida ao redor da unificación. O uso excesivo de medidas militares non axuda nese sentido.

Comentarios