Máis de 40 mortos en Gaza, 15 deles menores de idade, polos ataques de Israel

A última hora deste domingo entrou en vigor un cesamento do fogo acordado polo Goberno israelí e Yihad Islámica.
Funeral dos cidadáns palestinos falecidos nos ataques. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Funeral dos cidadáns palestinos falecidos nos ataques. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Decenas de persoas perderon a vida en Gaza desde que a pasada sexta feira o Exército israelí lanzase unha serie de ataques sobre este territorio. En concreto, segundo vén de informar o Ministerio de Sanidade de Palestina, o número de vítimas mortais ascende a 44.

Entre os falecidos atópanse 15 crianzas e, aliás, resultaron feridas até 360 persoas de todas as idades. As Forzas de Defensa de Israel, pola súa parte, cifran en 35 as vítimas, e recoñecen que, delas, 26 eran civís.

Contra as 23.30 horas deste domingo entrou en vigor un alto o fogo acordado polo Goberno israelí e a Yihad Islámica, organismo que anunciou que este pacto inclúe o compromiso de "traballar para lograr a liberación de prisioneiros", entre eles o seu líder en Cisxordania, Al Sadi, cuxo arresto foi o principal detonante destes enfrontamentos.

Porén, previamente Gaza foi obxecto de fortes bombardeos que foron respondidos polas milicias palestinas con senllos ataques sobre Xerusalén e Tel Aviv, polo que as cifras de vítimas poderían ascender nas próximas horas.

Esta escalada bélica provocou que o Consello de Seguridade da ONU acordase reunirse esta segunda feira para "discutir o desenvolvemento actual e as formas de apoiar os esforzos internacionais para lograr unha paz integral e xusta".

Cómpre lembrar, con todo, que o primeiro ministro israelí, Yair Lapid, afirmara a primeira hora deste domingo que a operación 'Amencer' lanzada polo seu Exército sobre o territorio palestino "prolongarase o tempo que for preciso".

"O Exército, o Shin Bet e as forzas de seguridade seguirán a actuar contra a Yihad Islámica até que restabelezamos a paz e eliminemos a ameaza para os nenos que viven na rexión fronteiriza de Gaza", dixo.

Comentarios