Alxeria desautoriza o seu sector bancario e reafirma o bloqueo das operacións bancarias co Estado español

Desde o 9 de xuño están conxeladas as domiciliacións bancarias desde Alxeria co comercio exterior español, así como suspendido o tratado de amizade entre ambos os Estados.
O ministro de Asuntos Exteriores alxerino, Ramtán Lamamra (Foto: Xinhua News / Contacto Photo)
photo_camera O ministro de Asuntos Exteriores alxerino, Ramtán Lamamra (Foto: Xinhua News / Contacto Photo)

Alxeria desautorizou á Asociación Profesional de Bancos e Entidades Financeiras (Abef) de Alxeria, ente que anunciara esta semana o desbloqueo das operacións bancarias co Estado español, co que negou que vaia a retomar as relacións comerciais.

"As decisións económicas, en particular as relativas ás relacións de socios comerciais, son prerrogativas exclusivas do Estado e non de organizacións profesionais, como a Abef", sinalou o Executivo alxerino nun comunicado.

Alxer matizou que a Abef é unha asociación profesional que defende os intereses dos seus membros e lembrou que esta organización "non pode substituír ás institucións estatais encargadas das finanzas, a economía e o comercio exterior".

"A comunicación sobre unha suposta retirada de Alxeria nas súas relacións comerciais co Estado español son erróneas, porque non se fixo pública información oficial respecto diso por parte das autoridades ou institucións competentes", explicaron as autoridades alxerinas.

A Abef anunciara na quinta feira o desbloqueo das operacións bancarias co Estado español, máis de 50 días despois de que Alxer anunciase a conxelación de todas as transaccións cos bancos españois.

Nunha misiva enviada aos directores xerais dos bancos e institucións financeiras alxerinas, a Abef detallou que "as medidas cautelares mencionadas anteriormente xa non proceden", quedando desta maneira sen efecto a prohibición das operacións bancarias co Estado español.

Teño a honra de informarlles de que, tras a avaliación do sistema descrito nesta carta e en consulta cos axentes do comercio exterior afectados, as medidas de precaución (en relación ao Estado español) mencionadas xa non son necesarias", explicaba o comunicado da patronal alxerina.

Desde o 9 de xuño están conxeladas as domiciliacións bancarias desde Alxeria co comercio exterior español, así como suspendido o tratado de amizade entre ambos os Estados, polo "inxustificábel" xiro do Goberno do Estado español sobre o Sahara Occidental.

As autoridades alxerinas recriminan ás españolas a campaña emprendida para tratar de argumentar un xiro político que, segundo esgrimiron, supón unha "violación das obrigacións xurídicas, morais e políticas" da que segue sendo "potencia administradora" do Sahara Occidental.

Comentarios