Alxeria suspende o Tratado de Amizade e Cooperación co Estado español após 20 anos vixente

A presidencia da República de Alxeria acusou a súa homóloga española de cometer "unha violación das súas obrigais legais, morais e políticas como poder administrador do territorio que pesan sobre o Reino de España" polo cambio de postura en relación ao Sáhara Occidental.
Sede da embaixada alxeriana en París. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede da embaixada alxeriana en París. (Foto: Europa Press)

O Goberno alxeriano vén de suspender de maneira unilateral o Tratado de Amizade e Cooperación co Estado español, froito do xiro de postura anunciado polo Executivo de Pedro Sánchez o pasado mes de marzo con respecto á ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos.

Este tratado, que constaba de 8 puntos, estaba vixente desde o 8 de outubro de 2002, e conta con grao de oficialidade (foi publicado no Boletín Oficial do Estado).

O obxectivo do mesmo era reforzar "os estreitos lazos históricos e culturais existentes entre os seus pobos e a proximidade xeográfica que lles une na rexión estratéxica do Mediterráneo".

Tamén pretendía "reforzar permanentemente o coñecemento recíproco, as relacións de amizade, os contactos humanos e os vínculos de toda clase entre Alxeria e o Estado español.

"Inxustificábel" cambio de postura

A decisión do Goberno alxeriano chega despois de que o presidente español, Pedro Sánchez, volvese defender na sesión plenaria desta cuarta feira o "inxustificábel" cambio de postura do Estado no Sáhara Occidental, tal e como o definiu o Executivo do país norafricano.

Neste sentido, Alxeria considera que "as autoridades españolas emprenderon unha campaña para xustificar a posición adoptada sobre o Sáhara Occidental".

A presidencia da República de Alxeria acusou a súa homóloga española de cometer "unha violación das súas obrigais legais, morais e políticas como poder administrador do territorio que pesan sobre o Reino de España".

Desde que se fixese pública a carta que Pedro Sánchez enviou ao monarca de Marrocos, Mohamed VI, confirmando o seu apoio á proposta de Rabat para o Sáhara Occidental, a relación diplomática e económica entre Alxeria e o Estado español está a verse debilitada.

Comentarios