Crise diplomática: o Goberno español valora denunciar Alxeria após cortar o comercio exterior

Tanto o Goberno do Estado como a Unión Europea instan Alxeria a "reconsiderar" esta decisión, que tería graves repercusións sobre a economía.
O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, pide unha resposta "serena pero firme". (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, pide unha resposta "serena pero firme". (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, indicou esta quinta feira que o Goberno estatal está a analizar as "implicacións prácticas" que teñen as últimas decisións anunciadas por Alxeria, con vistas a ofrecer unha resposta "serena" pero "firme" para defender os intereses españois.

A Presidencia alxerina anunciou na cuarta feira a suspensión "inmediata" do Tratado de Amizade co Estado español polo xiro radical que deu a respecto do Sáhara occidental, e posteriormente a Asociación Profesional de Bancos e Entidades Financeiras (Abef) anunciou a conxelación das domiciliacións bancarias para operacións de comercio exterior de produtos desde e cara a España a partir desta quinta.

"Estamos a analizar exactamente as implicacións desa medida, o alcance práctico, tanto a nivel estatal como europeo, para dar a resposta axeitada, serena, construtiva pero tamén firme na defensa dos intereses do Estado español e das empresas españolas", sinalou o ministro en declaracións á prensa.

No que atinxe ao impacto que poida ter na subministración de gas a España, Albares indicou que tamén se está a analizar mais, polo de agora, "o que nos trasladan as compañías gasísticas é que nestes momentos non hai ningunha dificultade" na liña habitual desde Alxeria, dixo.

Neste punto, o ministro remitiuse ás declaracións que fixo a finais de abril o presidente alxerino, Abdelmayid Tebune, quen tras manifestar o seu malestar polo feito de que o Goberno dese o seu respaldo ao plan de autonomía marroquí para o Sáhara asegurou que isto non afectaría a subministración de gas. Alxeria era até hai uns meses o principal subministrador do Estado español.

Desexo dunha "boa relación" con Alxeria

O ministro aproveitou tamén para reiterar "o desexo do Goberno", e o seu persoal, de "ter as mellores relacións con Alxeria, co seu Goberno e co seu pobo", así como o compromiso co Tratado de Amizade subscrito en 2002 e cos principios estabelecidos nel, entre os que destacou "a igualdade soberana dos estados, a non inxerencia en asuntos internos e o respecto mutuo".

Denuncia perante a UE

Con todo, segundo informa o xornal El País, o Goberno español está a valorar a posibilidade de denunciar Alxeria perante a Unión Europea (UE), ao entender o Ministerio de Exteriores que a conxelación unilateral dos intercambios comerciais co Estado español "pode vulnerar o Acordo Euromediterráneo de 2005", que decretou un réxime de "asociación preferente" entre os membros da UE e Alxeria.

De feito, esta mesma quinta feira, a portavoz de Exteriores da Comisión Europea, Nabila Massrali, instou o Goberno alxerino a "reconsiderar" esta decisión.

"Alxeria é un socio moi importante da UE no Mediterráneo e é un actor chave da estabilidade rexional. Estamos analizando o impacto desta decisión e as vías de diálogo e canles diplomáticas, e esperamos que traballen con España para atopar unha solución a este desacordo actual", dixo.

Comentarios