Suecia confirma a solicitude de ingreso na OTAN e Putin avanza que actuará "en consecuencia"

A socialdemocracia escandinava aposta no reforzo da Alianza Atlántica co ingreso nas próximas datas de Suecia e Finlandia. O Kremlin advirte que a "política expansionista" da organización militar desencadeará unha "reacción".
A primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Foto: Ninni Andersson / Regeringskansliet)
photo_camera A primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Foto: Ninni Andersson / Regeringskansliet)

Suecia e Finlandia están máis perto de se convertiren nos novos integrantes da OTAN. Se o domingo era o presidente finlandés, Sauli Niinisto, o encargado de comunicar ao seu homólogo ruso, Vladimir Putin, a súa intención de solicitar a adhesión, esta segunda feira foi a quenda da primeira ministra sueca, Magdalena Andersson.

Andersson —socialdemócrata— ofreceu unha rolda de prensa xunto ao líder do opositor Partido Moderado, Ulf Kristersson, e salientou que o país "está a abandonar unha era para entrar nunha nova".

"A dirección do Partido Socialdemócrata decidiu que o partido traballará para que Suecia solicite o ingreso na OTAN", explicou a formación nun comunicado após debater o asunto esta fin de semana para determinar a súa posición oficial. Esa solicitude, explican os socialdemócratas, está condicionada "a que non se despregue armamento nuclear ningún nin bases permanentes" no país.

"A invasión rusa de Ucraína empeorou a situación en materia de seguridade para Suecia e para Europa no seu conxunto", engadiu a ministra de Exteriores, Ann Linde.

Cómpre lembrar que a primeira ministra finlandesa, Sanna Marin, é tamén socialdemócrata —non así o presidente Niinisto, que é conservador—.

Putin adianta unha "reacción"

Pola súa parte, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, desbotou esta segunda feira que a adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN supoña unha ameaza directa para a seguridade do seu país xa que non ten "problemas" con estas dúas nacións.

Porén, avanzou que "sen dúbida" responderá a esta "política expansionista sen fin" da Alianza. "A expansión da infraestrutura militar a eses territorios sen dúbida desencadeará a nosa contrarreacción", dixo.

Esa reacción de Moscova, apuntou, "dependerá da natureza das ameazas que xurdan". Aliás, acusou os países occidentais de estar a crear un problema "desde cero", polo que garda o seu "dereito" a "responder en consecuencia".

Comentarios