O PSOE asume no seu congreso o criterio de poboación para o novo sistema de financiamento

O actual modelo de financiamento, en tempo en desconto

A reforma do modelo de financiamento está cada día máis próxima. A toma de posición dos diversos presidentes autonómicos e as resolucións ao respecto das principais forzas políticas así o indican. Os acordos do congreso do PSOE da pasada fin de semana son unha mostra evidente.

5
photo_camera Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid en 2019. (Foto: Nós Diario)

O actual sistema de financiamento atópase prorrogado desde 2014. Aprobado con rango de lei á volta de 2009, cos votos favorábeis do PSOE e a abstención do Partido Popular, fixa na súa disposición adicional sétima a obrigatoriedade de ser revisado en 2014, momento en que comeza unha negociación que continúa até hoxe. Neste longo proceso, que xa acumula máis de sete anos de atraso, destaca a Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, cuxa resolución máis importante foi “o impulso á revisión do sistema de financiamento autonómico, en aras de culminar co acordo de aprobación dun novo sistema deseñado con criterios obxectivos”. Sexa como for, un modelo xurdido para o período 2009-2014 vai ter, como mínimo, unha vixencia de 12 anos.

A reforma do actual sistema de financiamento para os territorios do réxime común semella próxima. Malia as diverxencias dentro as principais formacións do espectro político estatal, as declaracións das presidentas e dos presidentes autonómicos sobre as dificultades financeiras das súas comunidades así como os encontros entre os mandatarios do PSOE e do PP deixan poucas dúbidas ao respecto.

Nesta liña, a propia ministra de Facenda, María Jesús Montero, ten adiantado ao presidente valencia, Ximo Puig, un dos máis belixerantes na cuestión, a aprobación dun novo modelo de financiamento antes do verán de 2022.

O PSOE prima o criterio de poboación

Os dirixentes populares e socialistas non agochan as súas diverxencias a respecto da proposta final. Porén, estes últimos deron un paso adiante no congreso realizado a pasada fin de semana, onde fixaron a súa postura de cara ao debate. Así, o conseller de Facenda do Pais Valenciá, Vicent Soler, sinalou que a súa proposta de modelo de financiamento autonómico pasa de “reivindicación valenciana a ser patrimonio do PSOE”.  Nese sentido, amosouse “moi satisfeito” pola redacción final do relatorio do conclave socialista, que prima o criterio de poboación fronte a outros factores, e destacou que “o partido que está no Goberno crea unha doutrina que permite o debate a fondo”.

Na mesma liña, salientou que o PSOE asume o criterio de “poboación axustada” coa “lóxica da suficiencia, de equidade e de solidariedade”.

O secretario de Política Autonómica do PSOE e presidente estremeño, Guillermo Fernández Vara, tense pronunciado sobre o tema nas últimas horas. Así, destaca que as comunidades autónomas “necesitan imperiosamente” un acordo sobre financiamento, diante do cal avoga por "avanzar no diálogo" para “tentar atopar mínimos comúns denominadores”.

“Se non sentamos a falar e tentar atopar mínimos comúns denominadores, dificilmente nos poremos de acordo”, manifestou Fernández Vara, quen considera que “isto de pór desde o minuto un máis nada que as diferenzas leva a que non empecemos nin a tentalo”, polo que expresa o convencemento de “que poidamos negociar e dialogar e que poidamos facelo entre todos”, xa que “por esa vía é máis fácil poder ter un final no que haxa un grande acordo que se desde o inicio nos pomos a evidenciar as diferenzas”.

A reunión prevista para o próximo 2 de novembro na Galiza por oito presidentes é definida por Vara “non como un cumio de partidos, é un cumio de Gobernos autonómicos, dun e outro signo”. “Alí non van o PSOE e o PP para reunirse, alí van os presidentes autonómicos de oito comunidades para poder falar das cousas que compartimos” continúa Vara, quen lembra que na orde do día de encontro non aparece “só o financiamento autonómico, senón outros asuntos como a reindustrialización”. Estas novas palabras de Vara semellan despexar o encontro organizado polo mandatario galego Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios