Pontón reclama un novo sistema de financiamento

O BNG sinala que o foro para debater de financiamento é o Parlamento, a Cámara que representa as galegas e galegos.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Nós Diario)

De "extravagancia política" cualificou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o feito de que se "poida falar e negociar con todo o mundo" o  modelo de financiamento que necesita a Galiza "menos coas galegas e galegos a través das forzas políticas que os representan no Parlamento".

Nese sentido, defendeu que sexa a Cámara o foro en que se debata e defina o novo modelo de financiamento que precisa a Galiza, "superando o actual sistema, caduco desde 2014, que fai perder ao país arredor de 5.000 millóns de euros anuais".

Así se pronunciou a nacionalista perante a cimeira de oito presidentes autonómicos sobre financiamento anunciada a pasada semana polo mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo. Está prevista para 2 de novembro, mais o presidente estremeño Fernandez Vara pediu que o encontro sexa adiado dúas semanas.

A semana pasada varios presidentes socialistas ameazaron Feixoo con darlle plantón logo de que este presentase a cimeira cargando contra a mesa de diálogo do Executivo estatal e o catalán.  

Un reparto inxusto

Para Pontón as cifras falan por si soas: a última liquidación de 2019 revela que o Estado recadou na Galiza 13.212 millóns de euros e que retornaron polo sistema de financiamento 8.142 millóns, polo que se achegaron á caixa estatal 5.070 millóns máis do que se recibiu, explicou a líder do BNG.

"E cando falamos de financiamento, estamos a falar dos recursos que temos para sanidade pública, para pór en marcha un novo modelo de residencias, para crear emprego ou para impulsar medidas a favor da mocidade", exemplificou, remarcando que o "foro" para determinar o mellor modelo de financiamento é o Parlamento.

Concerto económico

No Bloque defenden un concerto económico "como en Euskadi ou Nafarroa" que permitiría á Galiza ter a chave dos seus cartos e fixar as prioridades de investimento e política fiscal.

Mais, coa actual aritmética parlamentaria e a oposición do PP a esa vía, achegan outras opcións "que permitirían avanzar no autogoberno económico e financeiro": ampliar a porcentaxe de impostos cedidos até 90% de IVE e IRPF, o que suporía obter 4.000 millóns adicionais ao ano; reclamar a cesión do imposto de sociedades e que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva na Galiza, como as eléctricas. 

Comentarios