O 40% da riqueza da economía mundial está en mans de 147 transnacionais

Un estudo da Universidade de Zurich, que apenas tivo eco nos grandes medios, debulla e analiza o mapa de transnacionais e grandes corporacións, apuntando que o 40% da riqueza da economía mundial está en mans de 147 transnacionais.
cartos

Son 147 e están estreitamente interconectadas entre elas, controlando o 40% da riqueza da economía mundial. "A rede de control corporativo global" é o título dun estudo de investigadores da Universidade suiza de Zurich. O estudo analizou 43.060 corporacións, debullando as relacións e a arañeira de propiedades. E concluíu identificando a 147 multinacionais que, estreitamente relacionadas a partires de intereses comúns, teñen nas súas mans a economía do planeta.

 "Atopamos que as corporacións transnacionais forman unha xigantesca estructura como garabata de lazo e que unha gran parte dos fluxos de control conducen a un pequeno núcleo moi unido de institucións financeiras. Unha super-entidade que presenta varias cuestións", como o dominio sobre os mercados ou a súa acción de monopolio. Entre estas compañías hai entidades financeiras e compañías mineiras.

O estudo da universidade suiza indica que un pequeno grupo de compañías, principalmente entidades financeiras, ten un enorme poder sobre a economía mundial.

O informe vén completar outros existentes e centrados na elite do poder mundial, como o de David Rothkopf en que sinala que entre unhas 6.000 e 7.000 persoas integrarían esta élite, que decidiría sobre o 99% da poboación do planeta.

Comentarios