99º San Patricio nunha Irlanda dividida

Segundo San Patricio en pandemia e 99º xa desde que o 3 de maio de 1921 a illa ficou dividida en dous entes: a República de Irlanda, un Estado independente, por unha banda, e Irlanda do Norte, unha rexión baixo soberanía do Reino Unido, pola outra. Porén, o Brexit acabou por acelerar o "inevitábel" proceso de reunificación irlandés.
anuncio_nyt
photo_camera Parte do anuncio publicado en dous importantes xornais dos EUA, pagado por Amigos do Sinn Féin (Suzanne Lynch / Twitter)

O Acordo de Venres Santo de 1998, que puxo fin a décadas de conflito armado en Irlanda do Norte, estabelece que o Goberno do Reino Unido pode convocar un referendo de reunificación irlandesa se considera que hai unha maioría da poboación desta rexión baixo soberanía británica que desexa abandonar a Unión e unirse á República de Irlanda.

Porén, a Oficina do Norte de Irlanda (a delegación do Goberno británico en Belfast para os asuntos da rexión) afirmou recentemente que "non hai unha proba clara que suxira que as condicións para un referendo sobre unha mudanza no status constitucional de Irlanda do Norte se cumpran neste momento".

Respondía desta maneira o departamento que dirixe Brandon Lewis, secretario de Estado ('ministro') para Irlanda do Norte, a unha carta remitida por Colin Harvey, profesor de leis e Dereitos Humanos na Queen's University de Belfast, e colaborador dos xornais The Irish Times e The Guardian. Harvey está convencido que a consulta se producirá en menos dunha década e defende que Londres debe colaborar activamente con Dublín de cara a prepararse para esa votación e non repetir o "desastre" que rodeou os comicios do Brexit (a correspondencia pódese consultada na súa conta de Twitter).

Negativa de Dublín

Mais tendo en conta a perspectiva do taoiseach (primeiro ministro) de Irlanda, parece pouco probábel que este referendo se produza antes do 20 de febreiro de 2025, data en que están previstas ─se non hai un adianto─  as vindeiras eleccións xerais.

Micheál Martin, nunha recente entrevista coa axencia AFP, sinalou que "certamente, non prevexo unha votación sobre a fronteira nos próximos anos, non durante a vida deste Goberno". Onte, durante unha conferencia no Brookings Institution de Washington, volveu insistir nesta idea, segundo recolleu The Belfast Telegraph. A respecto do medre nas arelas de unidade tras a culminación do Brexit, considerou que ese debate era "un erro", en alusión á campaña impulsada polo Sinn Féin, partido que ten na reunificación da illa a súa principal razón de ser.

Argumentou: "Coido que é divisorio e coloca a xente de volta nas trincheiras demasiado axiña. A miña idea é desenvolver un diálogo compartido, independentemente das preferencias constitucionais de cada un [é dicir, de se están pola unidade ou por que Irlanda do Norte continúe a ser territorio británico]".

Medra nas enquisas

Porén, cada vez máis voces autorizadas apuntan a inevitabilidade do proceso. Brendan O'Leary, profesor de Ciencias Políticas na Universidade de Pensilvania e na London Schooll of Economics, escribía recentemente en The Irish Times que "un referendo sobre a unidade irlandesa está a chegar, tanto se nos gusta como se non", e consideraba que "o Brexit dinamitou os alicerces da Unión [do Reino Unido], polo que cómpre que o Norte e o Sur [de Irlanda] se preparen". O referendo do Brexit de 2016 deu en Irlanda do Norte un resultado de 56% - 44% a prol de permanecer na UE.

Segundo unha macroenquisa publicada polo xornal inglés The Times o 24 de xaneiro sobre a situación do soberanismo nas 'home nations' (denominación no Reino Unido para as nacións que lle dan forma), tanto o Goberno británico como os académicos estarían no certo: actualmente continúa a ser maioría (47%) a poboación de Irlanda do Norte que desexa continuar baixo soberanía británica, fronte a 42% que está pola unidade baixo a República de Irlanda (con 11% de indecisos).

Mais tamén rexistra que a maioría (51%) están a prol de que se organice un referendo nos próximo cinco anos, fronte a 44% que estarían en contra. Ademais, a cifra de apoio a unha Irlanda unida sobe até 47% entre os menores de 45 anos. 

Precisamente esta circunstancia é a que argúe O'Leary para defender que a consulta chegará si ou si: a presión demográfica que favorece os católicos (maioritariamente partidarios da unidade) fronte aos protestantes (maioritariamente probritánicos). 

Apoio desde os EUA

O taoiseach Martin ten previsto reunirse hoxe, coincidindo co día de San Patricio, co presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, que como moitos outros dos seus compatriotas ten devanceiros na Illa Esmeralda. 

De cara a esta xuntanza e con motivo do patrón de Irlanda, a asociación estadounidense Amigos do Sinn Féin pagou un anuncio de media páxina en The New York Times e no Washington Post que leva por título: "Unha Irlanda Unida ─ Deixen que o pobo decida". Apelando ao Acordo de paz de 1998, piden ao Goberno irlandés que "promova un plan pola unidade" e ao británico que "poña data" ao referendo. 

A iniciativa chega despois dunha campaña de recollida de fondos, que sumou 295.000 dólares en seis meses (262.000 euros), e foi recibida con satisfacción pola líder do partido, Mary Lou McDonald. "Os EUA irlandeses foron chave para a sinatura e a salvagarda dos Acordo de Venres Santo", declarou.

Porén, a arelada unidade semella que terá que agardar un pouco máis. O vindeiro 3 de maio fanse 100 anos da constitución de Irlanda do Norte, é dicir, 100 anos da partición da illa. 

Ou o que é o mesmo: hoxe, por 99º ano consecutivo, o Día Nacional será festexado por separado a ambos os dous lados dunha fronteira que o Brexit fixo máis alta. Mais tamén feble e inestábel na súa base. 

"Lá Fhéile Pádraig sona daoibh go léir"

A raíña de Inglaterra, Isabel II, enviou unha carta ao presidente irlandés, Michael D. Higgins, para desexar ao pobo de Irlanda un feliz día. Finalizou a misiva cun "Lá Fhéile Pádraig sona daoibh go léir" ("Feliz Día de San Patricio para todos vós") destacando a súa visita (na imaxe) de 2011 á illa. Higgins respondeulle cunha mensaxe de esperanza de cara ao futuro, nun intre en que as tensións volven aflorar.

Por outra banda, a Policía irlandesa despregará 2.500 axentes nas rúas de Dublín en previsión das concentracións e protestas contra as restricións pola Covid convocadas hoxe con motivo de San Patricio.

Comentarios