O coronavirus contaxia tamén San Patricio

Irlanda decreta o feche dos pubs nas horas previas ao día do patrón, o Día de San Patricio, que se celebra cada 17 de marzo en Irlanda e noutros países do mundo que contan con devanceiros na illa Esmeralda.
St_Patrick's_Day_2012_in_Moscow
photo_camera O Día de San Patricio celébrase cada 17 de marzo en Irlanda (Nós Diario)

"Non lonxe de aquí, enfermeiros e médicos están a traballar co obxectivo de se prepararen para o impacto da pandemia global. Todo mundo está a traballar 24/7 (sen descanso). Isto é un insulto aos seus esforzos", escribía en Twitter na fin de semana o ministro de Sanidade de Irlanda, Simon Harris

Facíao no Twitter, en resposta a un vídeo colgado nesta mesma rede social, onde se mostraba un ateigado pub de Temple Bar (Barra an Teampaill, en gaélico), a popular zona de ocio nocturno de Dublín. A xente, allea á preocupación da cidadanía polo contaxio do coronavirus, cantaba animosamente o Sweet Caroline de Neil Diamond. "Good times never seemed so good" ("Os bos tempos nunca semellaron tan bos"), di o retrouso da canción. 

Nas redes iniciouse  unha campaña pedindo a clausura dos bares, #CloseThePubs. O domingo pola mañá, o taoiseach (primeiro ministro) Leo Varadkar advertiu que os pubs non poderían albergar concentracións de máis de 100 persoas. Porén, ante a presión social polas numerosas imaxes e vídeos de xente congregada nestes estabelecementos, o ministro de Sanidade volvía escribir o domingo pola noite na súa conta do Twitter: "Todos os pubs e bares de Irlanda pecharán esta noite até o 29 de marzo". 

Medidas coercitivas

A decisión chega nun simbólico momento, xusto antes do Día de San Patricio, que esta terza feira, 17 de marzo, se celebra en Irlanda e en todo o mundo, especialmente nos Estados Unidos e noutros países con devanceiros na Illa Esmeralda. Durante días fixéronse recomendacións para que a poboación cumprise coas instrucións das autoridades sanitarias, mais finalmente o Goberno tivo que tomar medidas coercitivas. 

No Día de San Patricio popularizáronse nas últimas décadas as xuntanzas nos pubs para celebrar a xornada, que é día festivo tanto na República de Irlanda como en Irlanda do Norte, territorio baixo soberanía británica. Tamén, desde mediados da década de 1990, se organizan grandes desfiles en Dublín (e en Belfast).

Nos Estados Unidos non é día festivo, mais a tradición dos desfiles e de xuntanzas nos bares irlandeses é común nos últimos tempos na maioría das grandes cidades. Todos os eventos foron cancelados.

En Irlanda, a reunión en pubs é un costume relativamente recente, xa que até finais da década de 1970 estaba prohibida a apertura dos pubs no 17 de marzo.

Xuntanzas  familiares

Tradicionalmente, a poboación atendía pola mañá á cerimonia da misa portando un trevo na lapela e posteriormente regresaba ás súas casas para celebrar o día do patrón cun xantar familiar. É neste sentido que tamén as autoridades amosaron nas últimas horas a súa preocupación.

O responsábel médico e asesor do Goberno, Tony Holohan, advertiu a poboación de que as xuntanzas nos fogares para celebrar o San Patricio "porá vidas en risco". "As reunións familiares levan consigo os mesmos riscos que estar nun pub ou nunha discoteca. O virus está xa na nosa comunidade, depende de nós evitar a súa propagación", sinalou Holohan, segundo recolle o Independent

O xornal irlandés tamén apunta que o plan de emerxencia no que traballa o Executivo de Varadkar (en funcións) está planeado para máis alá de xuño. 

Actualmente ─segundo os datos desta segunda feira ao mediodía─, na República de Irlanda hai rexistrados 169 casos e dúas mortes, nunha poboación de 4,9 millóns de persoas (en Irlanda do Norte, con 1,9 millóns, hai 45).

Comentarios