860 vítimas de tiroteos nas aulas dos EUA desde 2018

A matanza que tivo lugar na pasada terza feira nun centro de ensino de Texas vén de reabrir o debate sobre o control das armas de fogo nos Estados Unidos de América (EUA). O presidente deste Estado, Joe Biden, vén de declarar que "é a hora de actuar" para acometer esta regulación, un debate que divide á sociedade dos EUA. 
En 2021 morreron 224 persoas en tiroteos nas escolas dos EUA. (Gráfico: Nós Diario / Europa Press)
photo_camera En 2021 até 224 persoas foron vítimas de tiroteos nas escolas dos EUA. (Gráfico: Nós Diario / Europa Press)

A matanza que tivo lugar esta terza feira en Uvalde, en Texas, na que faleceron 21 persoas, 19 crianzas e dúas adultas, ten posto no albo dos medios de comunicación e do debate político o control sobre as armas de fogo nos EUA. De feito, o presidente dos EUA, Joe Biden, sinalou despois do acontecido, que "é hora de actuar" para regular as armas.

"Cando, no nome de Deus, imos facer fronte ao lobby das armas?", dixo Biden nunha comparecencia na que arrincou asegurando que "está farto e canso" de que "fermosos, inocentes e estudantes de segundo, terceiro e cuarto grao" vexan morrer aos seus amigos "coma se estivesen nun campo de batalla".

"Este tipo de tiroteos masivos rara vez ocorren noutras partes do mundo. Por que estamos dispostos a vivir con esta carnicería? Por que seguimos deixando que isto suceda?", apuntou, agregando que "é hora de converter a dor en acción".

Biden nomeou, así, outras masacres que marcaron a memoria dos EUA, como a de Marjory Stoneman Douglas, en Parkland, Florida, ou a de Santa, en Texas. "A lista segue e segue cando inclúe tiroteos masivos en lugares como cinemas, lugares de culto, como vimos fai apenas dez días nunha tenda de comestibles en Buffalo, Nova York".

Biden era vicepresidente durante a Administración Obama no momento do tiroteo de 2012 na escola primaria Sandy Hook. "Desde entón houbo 900 incidentes", sinalou, agregando que a idea de que un mozo de 18 anos poida comprar dous rifles é "enferma".

Con respecto ao sospeitoso do crime, morreu abatido polas forzas da orde. Así o confirmou o sarxento do Departamento de Seguridade Pública de Texas, Erick Estrada, quen tamén precisou que o sospeitoso, identificado como Salvador Ramos, veciño de Uvalde, disparou á súa avoa, agora hospitalizada, antes de entrar na escola cun rifle.

Un lustro especialmente sanguento

Os ataques con armas de fogo contra escolas dos EUA alcanzaron cifras récord en número de vítimas durante o último lustro, alcanzando a maior dos rexistros no ano pasado, cando foron vítimas un total de 224 persoas en tiroteos nos colexios deste Estado.

Tan só no que levamos de ano 2022, as vítimas por este motivo alcanzan xa as 140. O ano 2018 significou un antes e un despois nas estatísticas de vítimas por ataques armados nos centos de ensino dos EUA, pasando a ser o número máis do dobre que o do ano anterior. En 2018 foron 217 as vítimas, polas 96 do 2017.

O 2020, ano no que mundo ficou paralizado pola pandemia do coronavirus, experimentou unha caída nesta cifra, de 105, mais aínda así, superou o dato do 2017, certificando que o actual lustro (2018-2022) está a ser unha época negra en canto a violencia escolar nos EUA. Un lustro especialmente sanguento, no que, a pesar da pandemia e de ter percorrido só a metade do 2022, xa contabiliza un total de 860 vítimas por tiroteos nas escolas dos EUA.

Comentarios