Biden di que os EUA "non comezarán a Terceira Guerra Mundial" e Moscova acusa Kíiv de "estancar" as negociacións

Alemaña defende non enviar armas pesadas a Ucraína para "evitar unha escalada" do conflito, ao tempo que a ONU afirma ter "evidencias cada vez maiores" da comisión de crimes de guerra en Ucraína.
A ONU constatou a morte de cando menos 50 civís en Bucha. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi / Zuma Press)
photo_camera A ONU constatou a morte de cando menos 50 civís en Bucha. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi / Zuma Press)

O presidente dos EUA, Joe Biden, afirmou esta sexta feira que a Casa Branca "non enviará un só soldado a Ucraína a comezar a Terceira Guerra Mundial", ao tempo que volveu cualificar o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de "carniceiro".

Biden instou a comunidade internacional a "ficar unida" ante a ofensiva rusa, ao tempo que advertiu que, "se se racha, hai un problema real para a seguridade a longo prazo".

Na mesma liña apuntou o chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, que reiterou esta sexta feira a súa negativa a enviar armamento pesado a Ucraína alegando que fará "todo o posíbel" para "evitar unha escalada que conduza a unha Terceira Guerra Mundial".

Lavrov: "Ucraína non quere negociar"

Por outra parte, o ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Sergéi Lavrov, acusou o Goberno ucraíno de "estancar" as negociacións entre ambos os países, que avanzan "lentamente" porque "semella que non as precisan en absoluto".

A ONU constata crimes de guerra

Noutra orde, a Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, asegurou esta sexta feira que a entidade ten "evidencias cada vez maiores" da comisión de crimes de guerra en Ucraína.

Até o momento Nacións Unidas documentou 5.264 vítimas —92% en territorios controlados polas autoridades ucraínas—, das que 2.345 faleceron. As cifras reais, porén, serían "moito maiores".

Só na cidade de Bucha, dixo, a ONU constatou a morte de "cando menos, 50 civís", vítimas nalgúns casos de "execucións sumarias". "Practicamente todos os veciños de Bucha cos que falaron os nosos compañeiros contaron a morte dun familiar, un veciño ou mesmo un estraño", apuntou.

Comentarios