3-O en Catalunya: “Paralizar o país como un só pobo”

Sindicatos, colectivos, entidades e organizacións chaman a un paro nacional que tomará o pulso do compromiso social catalá contra a represión e na defensa do referendo. 

greve vaga sirius
photo_camera Imaxe: Sirius

Catalunya está chamada esta terza feira a unha greve xeral ou paro de país, expresións empregadas por segundo que convocantes dunha xornada que se perfila como, unha máis nos últimos anos, histórica. A brutal resposta do estado español ao 1-O, con máis de 840 persoas feridas, abriu as portas a que a greve convocada hai varios días polos sindicatos alternativos rexistrasen a partir do domingo unha adhesión moito máis ampla. Mais iso si, acentuando que é un paro e non unha greve. 

No Estado español a lei non permite convocar greves políticas ou solidarias. De aí que, por unha banda, se fale de “paro de país”. E, por outra, nos motivos da convocatoria que se realizou hai días polos sindicatos alternativos se falase dun paro contra as retalladas en dereitos laborais e sociais e, ademais, contra a represión.

ERC, En Comú e PDeCat non irán ao Congreso para amosar apoio a esta greve

Aquela primeira convocatoria da CGT (cuarto sindicato en Catalunya), COS (independentista), Intersindical-CSC (Independentista) e IAC (especial presenza na administración, maioritaria no ensino) contou axiña co apoio CNT de Catalunya e Balears e vén de recibir o domingo un apoio ben amplo. O da ‘Táboa democrática’, unha plataforma que conforman sindicatos como CCOO e UXT, así como ANC e Òmnium. Unió de Pagesos, Federación de Asociacións veciñais de Catalunya, Federación de Ampas de Catalunya, Unión de federacións deportivas de Catalunya ou as universidades públicas catalás. Na tarde de domingo foron intensos os contactos e conversas entre representantes da Táboa e do propio goberno catalán co ruído das pelotas de goma e sereas policiais de fondo.

A convocatoria, pois, sobrepasa o eido sindical para ser realizada por un amplo tecido social, do que fan parte mesmo entidades da pequena e mediana empresa, como Pimec e Cecot. “Hai que paralizar o país”, demandou Quim Arrufat (CUP), a forza que primeiro amosou apoio e respaldo a este medida. “Hai que dar unha resposta contundente á vulneración de dereitos e liberdades democráticas”, indica a Táboa democrática nun comunicado. Un escrito no que se chama a “parar o país” como “un só pobo”.

O propio secretario xeral de CCOO de Catalunya incidiu na necesidade de “dar unha resposta” ao que aconteceu este domingo, “unha das accións máis graves da nosa democracia”, en referencia ás cargas e actuacións da policía española contra xente que pretendía votar. Os grupos cataláns con representación no Congreso español (ERC, En Comú e PDcAT) non asisten esta terza feira á Cámara en apoio á greve.

En días pasados a Generalitat, perante o preaviso de greve de CGT, COS, IAC e Intersindical, fixaba uns servizos mínimos para esta terza feria, tanto para transporte (33% en trens de proximidade, 25% en FGC), como para a administración, ensino ou 50% para radio e televisión públicas. Dolors Llobet (CCOO) asegura que esta convocatoria non obriga a fixar uns mínimos, porque “non é unha greve xeral”. Desde Pimec, de pequenas empresas, tamén se precisou que eles avalan un paro de país, mais non unha greve xeral.

Apoio internacionalista

Diferentes sindicatos asinan un manifesto sindical en apoio á greve xeral convocada para o 3 de outubro en Catalunya. Defenden o dereito de autodeterminación e a decidir como saída “para unha experiencia democrática real”.

CIG, ELA, LAB, CUT, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, SAT, Colectivo Unitario de Trabajadores (CUT), ESK, CUT (Galiza), CSI, Confederación Intersindical, COS, STEILAS  e STEI.

Comentarios