28% dos estadounidenses cren que terán que "levantarse en armas" contra Biden, segundo un estudo

Carteis electorais nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Case a metade da poboación dos EUA non cre que os procesos electorais no país decorran con transparencia.

Un estudo elaborado polo Instituto de Política da Universidade de Chicago, en Estados Unidos, mostra que 28% da poboación dos EUA pensa que terá que "levantarse en armas" contra o Executivo de Joe Biden antes de que remate a lexislatura en 2024.

Case unha de cada tres persoas enquisadas afirman que "pode ser necesario nalgún momento que a cidadanía tome as armas contra o Goberno" dos EUA.

Esta porcentaxe é aínda maior entre aquelas persoas entrevistadas que posúen armas, xa que pasa de 28% a 37% da poboación con este pensamento.

O estudo vencella estes datos coa idea existente nunha gran parte da cidadanía estadounidense de que o Executivo dos EUA é "corrupto e está amañado". 67% dos votantes republicanos e independentes están de acordo con esta información, por 51% dos votantes demócratas.

Outras conclusións do estudo

A Universidade de Chicago tamén analizou o nivel de confianza que mostra a poboación dos EUA nos procesos electorais do país. Así, 44% dos estadounidenses cren que as eleccións decorren de maneira xusta e transparente. Ese dato redúcese até 33% no caso dos votantes republicanos.

Precisamente, a maioría dos seguidores do Partido Republicano comparten as acusacións vertidas polo ex presidente Donald Trump contra os comicios decorridos en 2020, que o levou a liderar a toma do Capitolio de Washington.o 6 de xaneiro de 2021.

A valoración do ex dirixente dos EUA foi outro dos asuntos tratados no estudo. Entre os republicanos, o apoio a Trump é case maioritario, ao tempo que restan importancia ao ocorrido no Capitolio.

En xeral, a Universidade de Chicago subliña que o estudo do seu Instituto de Política mostra a división cada vez máis grande entre demócratas e republicanos. Os datos sinalan que 70% da poboación de cada un dos bandos considera do outro que "en xeral son matóns que queren impor as súas crenzas políticas a aqueles que non están de acordo".