Presentarase Donald Trump ás eleccións dos EUA en 2024?

Todo apunta que Joe Biden intentará reeditar a Presidencia.
O ex presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Sean Meyers / Europa Press)
photo_camera O ex presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Sean Meyers / Europa Press)

O ex presidente dos Estados Unidos (EUA), Donald Trump, segue a estar presente na axenda mediática do país norteamericano, coa posibilidade cada vez máis real de que volva a presentar a súa candidatura ás eleccións presidenciais que decorrerán en 2014.

Así o insinuou o propio Trump nunha entrevista coa revista New York Magazine, na que anunciou que xa tiña tomada a "decisión", e que só falta por saber cando o anunciará. Tamén detallou que, no caso de presentarse, gañaría os comicios.

Non é a primeira vez que o antigo dirixente dos Estados Unidos ou integrantes do seu círculo máis íntimo deixan caer que intentará gobernar outros catro anos. De feito, a CNN apuntou que Trump xa tería confirmado a súa contorna familiar que volverá presentarse ás eleccións de dentro de dous anos.

Unha sondaxe do diario The Hill apuntaría que, no caso de que o anterior presidente dos EUA volvese enfrontarse co seu sucesor, Joe Biden, esta vez si gañaría os comicios, con 44% dos votos, por 39% do actual  dirixente. 

Biden tamén quere presentarse

Pola súa parte, Biden tamén tería a "intención de postularse" novamente nos comicios de 2024. Segundo a vicepresidenta do seu Goberno, Kamala Harris, ela acudiría outra vez na candidatura do mandatario. "Presentariámonos xuntos", afirmou.

En marzo deste ano, o propio Biden asegurou que se sentiría "moi afortunado" de volver enfrontarse contra Donald Trump, ao que derrotou nunhas eleccións presidenciais en 2020 que levaron ao ex presidente a presuntamente dirixir un intento de golpe de estado contra o Capitolio a comezos de 2021. 

De presentarse aos comicios de 2024 e gañalos, Joe Biden batería o record do presidente con maior idade dos Estados Unidos en ser elixido, xa que contará con 82 anos. A actual marca tamén a estabeleceu o propio Biden, coa súa vitoria nas eleccións de 2020.

No caso de Trump, chegaría a 2024 con 78 anos de idade. O ex presidente segue a asegurar que goza dunha excelente saúde, mais o falecemento esta sexta feira da súa primeira muller, Ivana Trump, aos 73 anos de idade, volveron espertar as dúbidas nun país no que a volta de Trump podería supor novamente dividir a súa poboación.

Comentarios