Estados Unidos senta no banco de acusados

'Proceso xudicial' en Nova York a máis de dúas décadas de "Guerra contra o terror".
belmarsh_tribunal2web
photo_camera A Internacional Progresista, en colaboración con outras organizacións e publicacións, impulsa este xuízo popular a Washington (Foto: Progressive International)

Foi o 13 de novembro de 1966 que os distinguidos escritores e filósofos Bertrand Russell e Jean-Paul Sartre estabeleceron o Tribunal Internacional de Crimes de Guerra en Estocolmo. Tamén coñecido como Tribunal Russell, ou Tribunal Russell-Sartre polos dous intelectuais inglés e francés, o obxectivo era investigar e xulgar a política internacional dos Estados Unidos e a súa intervención militar no Vietnam. 

Un tribunal sen "precedentes históricos", presentouno Russell. Un tribunal en representación de ningún Estado e sen capacidade para sentenciar o acusado. "Coido que estas aparentes limitacións son, de feito, virtudes. Somos libres para levar a cabo unha investigación solemne e histórica para ser entregada á conciencia da humanidade", argumentaba. O veredicto foi de culpabilidade.

Esta semana, inspirado por aquel 'proceso', desenvolverase en Nova York o Tribunal Belmarsh para xulgar os supostos crimes cometidos polo Goberno estadounidense nas máis de dúas décadas da súa "Guerra contra o Terror"

Foi hai 20 anos tamén que chegaron ao cárcere militar de Guantánamo os seus primeiros 20 prisioneiros. O 11 de xaneiro de 2002, xusto catro meses despois dos ataques con avións comerciais contra obxectivos militares e civís dos EUA, o Goberno do entón presidente, George W. Bush, decretou o seu estabelecemento. Desde entón, 779 homes e mozos de 49 países pasaron por esta prisión. 

Na actualidade, 39 persoas permanecen en Guantánamo, das que 27 non foron acusadas de ningún delito nin foron levadas diante dun xuíz, algo que expertos en dereitos humanos da ONU e de organizacións humanitarias consideran que constitúe unha flagrante violación do dereito internacional. 

Os detidos tamén denunciaron torturas e humillacións; moitos dos que por alí pasaron padecen graves problemas mentais; algúns suicidáronse.

Assange

Non son as autoridades estadounidenses, porén, as que afrontan o peso da lei. Sono quen denunciou eses abusos, como o xornalista encarcerado Julian Assange, que o vindeiro mes de abril fará tres anos de encerro no coñecido como o "Guantánamo do Reino Unido": a prisión londiniense de máxima seguridade HMP Belmarsh, que dá nome ao novo Tribunal Russell.

Os documentos publicados por Wikileaks en 2011, filtrados pola ex militar Chelsea Manning, foron os que revelaron as torturas en Guantánamo; os que revelaron que entre os detidos había moitas persoas que, oficialmente, non supuñan un risco para a seguridade dos Estados Unidos. Por iso, no xuízo que se desenvolverá na quinta feira en Nova York, exixirase a clausura de Guantánamo, mais tamén a liberación inmediata de Julian Assange.

Dobre moral

Trátase da segunda sesión do Tribunal Belmarsh ─a primeira foi o 2 de outubro de 2020─ e realízase a iniciativa da Internacional Progresista, en colaboración co Movemento Democracia en Europa (DiEM25), a Courage Foundation, The People’s Forum, Socialistas Democráticos de EUA (DSA), as publicacións The Intercept e People’s Dispatch, e a Asemblea Internacional dos Pobos (IPA-AIP). 

Ao igual que en 1966, contará co testemuño de intelectuais, expertos en dereitos humanos ou xornalistas. Algúns repiten, como a activista e escritora estadounidense Alice Walker, autora de A Cor Púrpura (1982). 

Entre outros, contará coa presenza do correspondente de guerra Chris Hedges; do músico Roger Waters; do ex ministro ecuatoriano Guillaume Long; ou da avogada Nancy Hollander (interpretada pola actriz Jodie Foster no filme The Mauritanian). Tamén do intelectual Noam Chomsky, que cualificou Guantánamo como "unha das máis horríbeis cámaras de tortura".

En 1966, Bertrand Russell xustificou o estabelecemento do tribunal sobre o papel dos EUA na Guerra do Vietnam citando as palabras de Robert H. Jackson, o fiscal xefe nos xuízos de Nuremberg aos crimes nazis: "Se certos actos e violacións de tratados son crimes, son crimes, cométaos Estados Unidos ou cométaos Alemaña. Non estamos dispostos a impor a outros unha norma de conduta criminal que non queremos que sexa invocada contra nós". 

Comentarios