John Bolton, alto cargo dos gobernos de Reagan, Trump e Bush, recoñece que os EUA impulsaron golpes de Estado

O ex asesor de Seguridade Nacional de Trump ratifica a participación da Casa Branca no golpe de Estado que en 2019 tentou tombar o Goberno venezolano de Nicolás Maduro.
O ex asesor de Seguridade Nacional de Donald Trump, John Bolton, fotografado en 2019. (Foto: Michael Brochstein / SOPA Images via DPA)
photo_camera O ex asesor de Seguridade Nacional de Donald Trump, John Bolton, fotografado en 2019. (Foto: Michael Brochstein / SOPA Images via DPA)

A carreira do diplomático estadounidense John Bolton estivo estreitamente ligada ao Partido Republicano desde 1982. Primeiro da man de Ronald Reagan, logo con George H. W. Bush e George W. Bush —o fillo deste último— e finalmente con Donald Trump, ostentou diferentes cargos da Administración estadounidense. A súa última andaina, entre abril de 2018 e setembro de 2019, como conselleiro de Seguridade Nacional.

O segundo presidente da familia Bush situouno á fronte da subsecretaría de Estado de Control de Armas e Asuntos de Seguridade Internacional, un departamento no que xa traballara anteriormente con George H. W. Bush. Aliás, entre 2005 e 2006 foi o embaixador dos EUA na ONU.

Bolton ostentou diferentes cargos de máxima responsabilidade en catro gobernos republicanos

Bolton foi, en definitiva, unha peza chave de até catro gobernos republicanos nos que ocupou os máis altos cargos dentro da Casa Branca. As súas actuacións alén do territorio estadounidense están a ser agora cuestionadas após unhas polémicas —e reveladoras— declaracións súas desta terza feira ante as cámaras da CNN.

 O que fora asesor de Trump foi preguntado a respecto da investigación que están a realizar as e os congresistas dos EUA estes días sobre a presunta implicación do ex presidente no asalto ao Capitolio, que xa foi catalogado pola comisión investigadora como intento de golpe de Estado.

"Esa non é a forma en que Donald Trump fai as cousas", dixo, e acto seguido xustificou a exculpación do anterior mandatario alegando ser el mesmo unha persoa "que axudou a planificar golpes de Estado". "Non aquí [nos EUA], senón noutros lugares", precisou, e engadiu que tal acción precisa de "moito traballo" e iso "non foi o que Trump fixo".

O entrevistador da CNN, Jake Tapper, interpelouno para que explicase esa "experiencia en golpes de Estado", un termo que os altos cargos de Washington acostuman evitar cando se refiren ás actuacións dos EUA en materia de política exterior.

En resposta, Bolton apuntou que nas memorias que publicou en 2020 [A habitación onde aconteceu: unha memoria da Casa Branca] xa escribira sobre o "apoio" que o Estado brindou a un "intento falido" de derrocar o presidente venezolano, Nicolás Maduro. "Non é que tivésemos moito que ver con iso, mais vin o que se precisaba para que unha oposición intentase derrocar un presidente elixido ilegalmente, e fracasou", declarou.

O alto diplomático rexeitou abordar máis "casos específicos" de inxerencias dos EUA en terceiros países e o xornalista percibiu que Bolton estaba a deixar "moitas outras cousas" no tinteiro, ao que este respondeu cun ton misterioso: "Estou seguro de que as hai".

Comentarios