George Soros: "Os Estados Unidos corren o perigo de converterse nun réxime opresivo"

O filántropo multimillonario cre que o maior inimigo do país "non son Rusia nin China", senón os "inimigos internos".
George Soros ve preciso "derrotar os republicanos nas eleccións" para evitar a perda de liberdades. (Foto: Yahoo)
photo_camera George Soros ve preciso "derrotar os republicanos nas eleccións" para evitar a perda de liberdades. (Foto: Yahoo)

O empresario e filántropo multimillonario George Soros advirte esta terza feira, nun artigo de opinión publicado no xornal alemán Welt, que os Estados Unidos poderían tornar proximamente nun "réxime represivo".

Así, afirma que a maior ameaza para o país "non son Rusia nin China", senón os seus propios "inimigos internos", nomeadamente os "extremistas de dereitas" que "queren abolir a democracia".

Soros exemplifica esta cuestión na recente decisión da Corte Suprema estadounidense de anular a histórica sentenza do caso coñecido como Roe contra Wade, que garantía o dereito ao aborto desde 1973.

"Que cualifica a meirande parte da Corte como extremistas? Non é simplemente a súa decisión de anular Roe contra Wade [...] O que os cualifica como extremistas son os argumentos nos que basean as súas decisións e as indicacións de até onde poderían estar dispostos a chegar para implementalos", apunta.

Mais eses "extremistas" que tentan acabar co réxime democrático, sostén Soros, están tamén presentes nas filas do Partido Republicano e inclúen, aliás, os membros desa Corte Suprema, "que foron nomeados por [Donald] Trump". A institución, defende, gozaba no pasado "dun respecto especial" que agora "perdeu".

George Soros apunta tamén que a Corte "arrasou" a lei de dereitos electorais e "permitiu unha clara reorganización tendenciosa dos distritos electorais para debilitar os dereitos de elección das minorías".

En consecuencia, incide, os EUA "corren o perigo de se converter nun réxime opresivo", algo que "cómpre evitar a toda costa". Para iso, di que é preciso "restaurar un sistema bipartidista que realmente funcione e que constitúe a base da democracia estadounidense".

A única vía para impedir ese "retroceso" nas liberdades da cidadanía estadounidense por parte das decisións ditadas desde a Corte Suprema, a comezar polas mulleres e o seu dereito ao aborto, é "derrotar o Partido Republicano nas eleccións".

Comentarios