Zeca Afonso: o seu legado, un temporal

Onte, unhas horas antes de que comezara outro 25 de abril, tiña lugar no Teatro Municipal de Tui, organizado pola Eurocidade Valença Tui, o concerto Tributo a Zeca Afonso que viña demostrar ao público que enchía a sala a actualidade da súa canción, as súas letras seguen a reclamar a xustiza e a liberdade.

Filósofo amigo que deu a voz ao pobo é unha definición que lle acae ben ao compositor que nos segue lembrar a necesidade de saírmos á rúa cando lle escoitamos “o que faz falta dar poder à malta”. 

Cheo no teatro para asistir a un espectáculo de máis de noventa minutos memorábeis, a cargo de Cervomusic, baixo a dirección artística de José Paulo Ribeira, coa presenza no escenario este ano por primeira vez de intérpretes de Valença, o coro da Académia de Música Fernandez Fão e a Associação Musical de São Pedro da Torre, a través do seu proxecto Ard’Notas. 

O espectáculo ofreceu un percorrido pola biografía do homenaxeado, a través dunha voz en Off (de Antonio Neiva) que nos trasladaba da infancia de Aveiro a de Moçambique, que continuaba na abafante etapa na casa do tío de Belmonte, para espertar en alegre mocidade en Coimbra, do matrimonio e nacemento dos dous fillos no Beco da Carqueija, , da súa falta de “atitude militar” en Mafra, das dificultades económicas que obrigan a enviar os fillos a Moçambique, do compromiso e da loita contra o Estado Novo, do profesor nas marxes dos programas oficiais expulsado, da persecución e do símbolo da liberdade, da longa enfermidade e da morte. Voz que acompañaba a proxección de textos escollidos por Sofia Guardão do propio Zeca Afonso en primeira persoa, que nos achegaba ao seu pensamento, as súas contradicións e conviccións ao longo do seu curso vital. Conducía esta traxectoria a música do Zeca que levou ao escenario a cincuenta persoas, e que botou a andar coa Orquestra “Ard’Notas” que prendeu a emoción coa interpretación de “Milho Verde”.  Cae o pano e a guitarra de Luís Pinto introdúcenos nunha atmosfera de marabilla para que nos acariñe a voz impresionante de Sílvia Pinto, que nos sorprende entrando entre butacas para achegarse ao escenario. Cando volve a abrir o pano agárdannos José Paulo Ribeiro no piano, a guitarra e a voz de Paulo Baixinho, Paulo Freitas na percusión, o baixo de Paulo Gaspar e o saxofón de Paulo Franco. A “Canção de embalar” de Cantares de Andarilho (1968) enmarca o nacemento do Zeca, segue “A formiga no carreiro” e “Era un redondo vocabulo” de Venham mais cinco (1973) para musicaren os anos de Moçambique e Belmonte, de seguido, “O que faz falta” de Coro dos tribunais (1974) e a “Balada de outono” de Fado de Coimbra (1960) para os tempos de formación e mocidade, “Os indios da Meia Praia” de Com as minhas tamanquinhas (1976) e “Vejam ben” de Cantares de Andarilho (1968) para o tempo militar de Mafra, “Os vampiros” de Baladas de Coimbra (1963) e o recitado de Quadras de José Afonso por Joaquim Guardão acompañaron o tempo da persecución, da madurez política e do cantor interceptado pola Pide, para abrir o camiño do profesor que “queria pôr os alunos a funcionar como pessoas”, o tempo para gozarmos de “Maio maduro Maio” e sentirmos a emoción daquela canción composta en 1964 “Grândola Vila Morena” de Cantigas de Maio (1971) momento en que tamén entra no escenario o coro Vocalis Polyphonia. Este non era aínda o remate, a canción popular da Beira Baixa, con música de Zeca, “Maria Faia” lembraba o home que afirmou non arrepentirse de nada e que non aceptou a condecoración Ordem da Liberdade en 1983, ano dos últimos concertos xa na compaña da esclerose lateral amiotrófica, mentres nos cantan “Traz outro amigo também” do álbum do mesmo título de 1970, “A morte saiu à rua” de Eu vou ser como a toupeira (1972) e “Tu Gitana” de Galinhas do Mato (1985) derradeiro disco de José Afonso, que conta coa participación doutras voces amigas, como a de Helena Vieira que interpretaba este fermoso tema do Cancioneiro de Vila Viçosa. Un texto de Zeca Afonso afirma no fondo do escenario a certeza do deber de loitar onde sexa contra a opresión, admite que a revolución sexa unha utopía, mais coma el, vai sendo hora de nos comportar como se fose tanxíbel. Despois do tema que dá título ao álbum Venhan mais cinco (1973), das despedidas e dos agradecementos, da alegría e emoción do traballo ben feito, dos coros orgullosos dos políticos, dalgunha política despistada, das promesas de hai que facer máis cousas coma estas, cando algúns dos cravos vermellos que pousaban no piano, en cada atril, que adobiaban os cabelos das mozas do coro, da cantante e que prendían nas chaquetas dos músicos, dos mozos do coro, cando algúns destes cravos fican abandonados, comprobo que Zeca Afonso é un temporal e que no chan están á espreita os cravos, o seu legado, a protesta necesaria, esa que nos obriga a saír á rúa xa cada día. E desde hoxe cada día poida que alguén máis sexa consciente da obriga necesaria de que o portugués se estude nos centros de ensino da Galiza, que deixe de ser unha lingua de segunda, cando o é, na Eurocidade Valença Tui.


 

Comentarios