Xavier Vence: "A soberanía está no ADN do nacionalismo"

Xavier Vence (Rodeiro, 1961) é o flamante portavoz nacional do BNG. Na súa primeira conversa con Sermos Galiza, unha longa entrevista que ve hoxe a luz no noso semanario impreso, o catedrático de Economía Aplicada da USC afirma que "a soberanía está no ADN do nacionalismo". E sobre a independencia, non deixa marxe para a dúbida: "A independencia non é unha garantía absoluta para [conseguir] a soberanía, mais si axuda a reconquistala".

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG
photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

Para o portavoz nacional do BNG, no momento en que fai quebra o modelo de globalización neoliberal a soberanía se torna aínda máis chave para os pobos. "A única forma de reverter a situación e saír da crise desta globalización neoliberal é que os países teñan capacidade suficiente para pór a economía ao servizo das maiorías sociais e iso significa soberanía", afirma.

Vence mantivo unha longa conversa coa xornalista de Sermos Galiza Olalla Rodil. O significado da soberanía, a reunificación do nacionalismo, as alternativas do BNG perante a crise do capitalismo global foron -alén de cuestións de tipo máis persoal, por exemplo verbo de se se vai estrear ou non en twitter- os temas básicos que vertebraron a entrevista.

Comprometido co nacionalismo desde moi novo -xa desde o instituto-, Vence reflicte na conversa sobre como "a contraposición hoxe está entre a liberdade dos mercados e a soberanía dos pobos".

A contraposición hoxe está entre a liberdade dos mercados e a soberanía dos pobos

A conquista da soberanía non chegará mentres non se elevar o grao de conciencia nacional do pobo galego, enfatiza Xavier Vence, quen avanza que o BNG quer impulsionar "un movemento multicolor pola soberanía" como unha proposta "aberta" que tenciona "ilusionar moita xente".

"A oferta do Bloque é que poida participar en pé de igualdade todo o mundo que queira contribuír a ese proceso de debate e reflexión", afirma Vence.

E sobre a unidade do nacionalismo e as formas concretas que poda adoptar no futuro, o novo portavoz nacional do BNG subliña: "Nesta asemblea nacional decidimos deliberadamente non formularmos un modelo concreto. É algo que cómpre ir explorando a partir da disposición e vontade das diferentes partes".

A entrevista íntegra poderás atopala no número 40 do semanario Sermos Galiza

Comentarios