domingo 19.01.2020

A veciñanza de Angrois non recollerá a Medalla de Ouro da Xunta

Piden ao goberno galego que adíe o acto para alén do 24 de xullo porque esta data é "de recollemento" para as vítimas. A Xunta avalía pospoñer a entrega do recoñecemento ao colectivo.

A veciñanza da parroquia de Angrois, onde aconteceu o accidente ferroviario que hai un ano causou a morte a 80 persoas, enviou unha carta ao executivo de Alberto Núñez Feijóo para lle informar que non recollerán a Medalla de Ouro de Galiza. 

A entrega do galardón, que lles foi outorgado polo goberno da Xunta de Galiza após a súa actuación para socorrer as vítimas, estaba prevista para o vindeiro 24 de xullo, día en que se cumprirá un ano do sinistro. Mais @s veciñ@s aseguraron que non recollerán o premio segundo informou o secretario da asociación veciñal, Isidro Castaño á axencia de noticias Europa Press. 

Piden que a data sexa adiada por respecto ás vítimas

A súa vontade, sinalou, é respectar a data de conmemoración e "recollemento" das vítimas e non facer do 24 de xullo unha xornada de recibimento de homenaxes. 

A decisión foi adoptada por unanimidade o pasado 12 de xullo como tamén, o envío dunha misiva ao propio presidente da Xunta onde lle solicitan adiar a entrega da Medalla. Desta maneira, podería suspenderse o acto pois desde hai anos só se entrega un galardón e non tres, como acontecía anteriormente. 

As vítimas do Alvia non queren a PP e PSOE nos actos

O rexeitamento da veciñanza súmase tamén á vontade expresada polas propias vítimas que pediron aos representantes de PP e PSOE que non acudan á homenaxe que renderán ás vítimas o propio día 24. Após a negativa de ambas as dúas forzas políticas, que rexeitaron en numerosas ocasións iniciar unha comisión de investigación no Parlamento galego, a asociación Vítimas do Alvia coidan que a súa presenza no acto sería "indigno". 

comentarios